sexta-feira, junho 20

soneto 1

cómprobo que preciso teus beizos percorrer miña pel fluorescente.
aprendo as liñas continuas dos nosos corpos loitando.
danzo cos dedos baixo as sabas, cheirando a terra mollada e mofo.

son arco da vella no que desexo que te perdas.
respírame coa válvula auxiliar pechada e adormece entre meus peitos quentes.
sorrí ao espertarme enredada nos teus tentáculos - pop mediterrani-.

pegadas de nós nas pedras da memoria,
encho de contido a verba que designifica o que somos: distancia.

eva méndez doroxo

sen sabor

deixaches un rastro de sal.

un momento antes de coñecerte perdinme en min mesma.
cometín o erro de crer no que sabia.
pensein que podía voar,
ca liberdade era a expresión dos olores do sangue.

corrín tras de ti, sen darme conta, ollando ao redor con lentes máxicas.
respostein preguntas co sorriso de saberme verdadeira.

agora, inspecciono as pegadas do salitre na miña pel de espello.
reflexiono coa cabeza ovillada nas pernas,
simplifico o coñecemento e escoito á intuición dos meus ollos.

recordo o que me explicaches, lembro cada silencio, cada pausa para coller ar,
mirándome entregado,
falso e degarrador nos teus beizos.
raposo morto coa pita na bandouga.

eu, labrega dos sentidos, penseinte morto e acariciein teu pelexo, biquein teu fuciño - aínda húmido-,
colocando túas patas xuntas erguinme e vinte fuxir.

de pé, incrédula do milagre, véxote aínda fuxir.

eva méndez doroxo

quarta-feira, junho 18

esquizo 4

o violeta nun ollar interfásico.
suavidade: parte interior dunha pel asilvestrada.

miñas falanxes deslízanse polo branco.
áxilidade metamórfica que me distrae.

son o líquido verde contido no círculo.
a refrexión metálica da culler do antagonismo.

monstruosa forma que muta tres veces cada segundo,
para misturarse coas formas do redor,
esterilización conmutada.

desaparecer na profundidade da fosa séptica das vosas vidas.

eva méndez doroxo

terça-feira, junho 17

risco a desaparecer

sen penetración.

sumida na licuosidade profunda,
desplázome polo laranxa dos dedos alleos.
pensamento confuso que me engorda.

a piques de encherme novamente de nós,
suprimo cada un dos xemidos interferentes do universo: eu+ti+eu+el+ti+el.

consumida pola proximidade,
na esfervescencia impúdica que treme,
rabuño lasciva a pel da cama-balea.

eva méndez doroxo

quinta-feira, junho 12

esquizo 3

accédesme pola porta que pensei blindada.
teus ollos caer sobre min,
lousas aniquiladoras de anterioridade.

contacto con todas eu,
en asemblea de urxencia, consúltome.
non ozco por riba do pánico que enche miñas conexións.

arrepío,
convulsa e neurótica déixome penetrar por un ollar incomprensible.


eva méndes doroxo

terça-feira, junho 10

independencia senil

imaxinei que tiña ás.
non ser paixaro, nin cometa,
só unha muller con ás.
alguen que acomoda as plumas para sentir o ar percorrelas.

só imaxinei o que vin do outro lado da gaiola.
entre os barrotes diamantinos, construidos con total adicación e xeito.
alguem me axudou a entrar nela,
sen me dar conta,
sen saberme capturada,
vivin.

descuberta? espello,
único elemento capaz de transformarnos en monstruos ou realidade.

tabilhona

quarta-feira, junho 4

serie 3

convenme que me desexes?

repto polas túas sombras,
intégrome á porosidade da textura do corpo,
que cada mañá me esperta sen forzas para a negación.

érgome dende a fumeira das paixóns contidas,
fráxil e inexperta, zoupo contra as paredes dos límites.

xa no baño saboreo cada un dos órganos internos que arrinquei da cama,
ouveo no aquelarre gastronómico das prehistorias.

apago a luz,
volto,
mergúllome na túa lingua.


eva méndez doroxo

segunda-feira, junho 2

esquizo 2

aínda é tarde para desaparecer.
xurdir dentre os mortos acrobáticamente e lamber o molo.
tranformarme en críatura sen nome e pasearme baixo o sol.

aínda segue a ser tarde para borrar teus bicos desta pel encarpolada.
cada dedo teu imprimiume a dor de ser amada,
a ilusión de descoñecer o límite do corpo,
rabuñando esperanzas perdidas.

agora, comida polos cocos do tempo,
sumida nos longos días de estío,
torturo miña pel co ar,
machuco nela para atopar as lembranzas que sei esquecidas.

tarde, chego tarde.

eva méndez doroxo

domingo, junho 1

esquizo 1

á noite lembro que non estas.
recordo que esto só é un xogo ao que eu aínda non sei xogar.
véxote lonxe.

non entendo como me roubaches cada agarimo,
cómo recolliches a miña pel e enchiches a maleta,
deixando meus texidos ao ar.

son consciente da incertidume de erguerse apegada a unhas sabas aínda quentes,
pero comprende que é moi cedo para esquecer.


tabilhona

Free Counter and Web Stats