segunda-feira, maio 6

do caderno das obsesións: capítulo 14.

a dor.

compaña inasgotable deste peregrineiro pensamento.
arrastro as feridas dos monstruos nunha pel demasiado transparente.

a dor.

o sangue, esgotado viaxeiro,
combate na peaxe por abandoar este ser,
famélico e lánguido,
co retén sen saber.

foron os alentos prehistóricos os que recitaron o conxunro,
agora, furadada pola inconsistencia de tanto lume,
agocho tres anacos virxes de min.
 por máis que intentaron,
por máis que maltrataron,
por máis que sufrimos, tres anacos resurxiran novamente na lingua prohibida
para aterrar o fluído vida que se resiste a quedar nesta alforxa de ser esquemático.

eva méndez doRoxo

tumchuq, sinfónico...

dirixida no rumbo da individualidade,
atopamos as mans desertas,
ancoradas ao ferro.

sinto a soidade penetrar nas fiascas deste corpo,
avatida por toneladas de verbas que pronuncia o silencio,
sosteño, apenas, unha diminuta imaxe de min.

ronroneando sen medo remexo os osos,
peiteo o pelo e mergúllome na decadencia do ser.

afastada da realidade navego allea á totalidade dun nós.

eva méndez doRoxo

domingo, maio 5

lemon, ginger and frog.

estradas dilatadas percorro en tres segundos,
antes de co sol me arda
deixando as escamas a xeito de pel.

sorrío andróxina,
agardando a néboa para voltar a ser eu.

eva méndez doRoxo

de altos montes, ferro de lobo, lume agónico.

camiño por riba dos cráneos doutras musas,
as que non conseguiron escapar do teu imaxinario e permanecen cadaver,
agardando ser descubertas.

eu, aínda, son de pel cuberta,
pero sángrandme os pes de esnaquizar osos baixo eles.

sinto que non vou dar chegado,
que saír deste pesadelo no que me soñas, 
vai custarme, novamente, a vida.

xa non quedan bágoas,
nin podo rescatar ás outras,
só teño alento para seguir andando,
agardando que me esquezas para deixar de ser outra musa atrapada na túa mente.

eva méndez doRoxo

arábica con cardamomo.

penetras na porosidade, aberta, das miñas dúbidas,
confundindo os milímetros de pel que nos configuran.

eva doRoxo

Free Counter and Web Stats