quarta-feira, abril 6

costureiro.

sen remordementos achégome.
deixei os medos na porta,
espínme de palabras eternas
e botei por riba o abrigo das miradas.

a miña lingua está inqueda,
non lembra o significado do silencio
cando o teu corpo non está lonxe.

abanzo sixilosa polas túas estancias,
nas que ciumento gardas o pasado,
nas que escéptico observas o presente,
nas que con perigo evitas o futuro.

abandoei as máscaras dos meus tempos
nos recunchos destos pasos,
amósome vulnerable ante a túa incertidume violenta.

avísasme da morte cos teus ollos,
pero eu, que escapei do medo, non advirto os avisos
ca túa boca me berra con intensidade muda.

deslizo os meus dedos pola túa rabia,
bico a túa incontinencia,
entrégome á ardúa tarefa de amarte.

eva méndez doroxo

terça-feira, abril 5

litografía dun adeus

quedei aberta.
polos furcos escápaseme a vida.

ti, pétreo, agardas cos feitos se calmen,
óllasme sen verme.

cada gota de sangue que abdíca do meu corpo,
aniña na eterna despedida dos amantes.

oscura, entre a neboa dos pensamentos,
imaxino que as feridas non son fondas,
érgome no derradeiro alento,
e crávoche con forza o meu corazón no peito.

eva méndez doroxo

sexta-feira, abril 1

recetario: para ti.

tampouco pretendo que me entendas.
confórmome, simplemente, con que as miñas verbas
penetren a túa dermis.
que cando os ollos se aproximen á vixilia,
o sangue che bombee a miña voz por todo o corpo.
só intento que ao espertar,
cando a túa mau me busque morriñenta,
a túa boca se seque atónita por non terme.
quero, novamente, que descubras o que significo,
lonxe e perto dos teus beizos,
superficial ou fonda no teu peito,
pero lembra, o único que non pretendo é que me entendas.

eva méndez doroxo

quinta-feira, março 31

notas de olor

feita un nubelo descendo.
coas ás roidas,
as plumas molladas e o bico silenciado,
aterro, na biscosidade dun corpo alleo,
nunha carne con olor a papel de avellaneira.

despréndome de min,
dos accesorios de toda eu.
quedo tan só coa boca,
co nariz para percorrer enteira
esta nova pel, este novo olor,
esta nova vida,
para a que me sobran sentidos e me falta tempo.

eva méndez doroxo

terça-feira, março 29

medidas do corpo

por cada gramo de min un quilo de ti.
por cada centímetro de ti un quilómetro de min,
por cada segundo de eles, un día de nós.

eva méndez doroxo

quinta-feira, março 24

cartas de despedida 7 e 9.

internamente,
na compilación dos corpos, suxiro.

afastándome a humidade da boca,
lentamente,
existo.

con redención asfixiante amaño o pelo,
antes de esquecer, completamente, a túa carne,
o teu suor, as túas mans,
o sabor a liberdade nas nosas linguas entretecidas.

non existes na miña memoria.

a miña pel espiuse de ti.
non lembro o teu nome
nin a túa cama.

escapáchesme do sangue
inflamando as miñas lembranzas.

eva méndez doroxo

segunda-feira, março 21

345º 3"

navego polas profundidades do meu pensamento.
as lembranzas arden no peito,
as bágoas encheno todo.

escrava e perdida óllome no reflexo das sereas,
musas mortas pola incredulidade do home,
que me acollen como irmás nas augas do esquecemento.

eva méndez doroxo

sexta-feira, março 18

chamadas perdidas

escarbo nas feridas que como cantís se abren na perplexidade da miña pel.
agochado, nas fíascas do esquecemento, agarda o teu recordo,
o das bocas descoñecidas e os desexos infinitos,
aquel que lonxe me queda cando me ollas invisible baixo o microscopio da indiferencia.
inventáchesme e agora, cando a gravedade me aproxima ao chan, ignoras cada minuto do meu alento.
penso que non existía antes, cando as túas mans e as túas verbas me moldeaban con tino, unindo os pedazos co tempo espaiara alén do meu cosmos.
síntome rota nesta nova vida.
son un proxecto de musa,
unha lembranza líquida fronte o reflexo dun segundo que non vin acontecer.

eva méndez doroxo

quinta-feira, março 17

del quadern de les obsesions: blanc.

et somio en els colors del ahir,
de quan els teus llavis vigilaven les meves pors,
i les llengues, verges de records encara,
s'enfonsaven en la dramàtica tasca d'acomiadar-se,
un matí rere d'altre.
sense treva les caricies lluitaven
en la nostalgia d'unes pells transparents,
les que ara enyorem entre les boires
d'un somni incandescent.

eva méndez doroxo

quarta-feira, março 16

i_dioma

desexo ser contida na túa boca,
pronunciada coa túa lingua,
que me expulses angorde.

desexo ser a verba que aniquilas contra o padal,
fronte os dentos.
morrer unha e mil veces nos teus beizos,
acharme espida, novamente, na túa saliva.

eva méndez doroxo

terça-feira, março 15

idioma alleo

incerta agardo co esquecemento me aprese.
mergúllome no son da indecisión,
no alongado filtro dun pensamento.

non creo en min mesma,
nin na cadea de ollos que me xulgan,
silenciosos, baixo a neboa dos interrogantes.

formo parte do alleo,
configúrome nas verbas duns beizos
que me son descoñecidos,
agardo que unha lingua estrana
me percorra para deixarme ser libre
por cada segundo de angustia.

eva méndez doroxo

domingo, março 13

as mulleres todas

eterea liña dos desdebuxados peitos dunha muller
filtrada entre os meus dedos de musa.
vérteme a súa turxencia angosta,
esquecida xa polos homes,
admirada na boca ceibe desta muller que declama.

afondo nas difuminadas cores do impreciso,
acaricio a morriñenta idade das lembranzas
e agocho a vergonza de adorar o corpo
humido que me contempla,
quente e vivo,
desexoso, impúdico.

eva méndez doroxo

sábado, março 12

90 ºC

esnaquizada baixo a tensión dos teus beizos,
o peito danza a frenético ritmo,
sen sospeitas, chuchásme a ialma
contida nos alentos que hai pouco adorabas.

son a escraba do medo,
a doncela do rumor da mente,
unha deusa desterrada.

a túa pel,
edén de inmortales caricias,
desexo.

eva méndez doroxo

quarta-feira, março 9

ingrávida

afondo na textura dos corpos,
entre as telas,
baixo as identidades ocultas.
tezo unha liña infinita de agarimos inventados,
de alentos que me fan tremer,
das necesidades da ausencia.
esgazo baixo a pel, os músculos,
na pertinente pesquisa do desexo,
da primitiva percusión,
que me faga palpitar, novamente,
como cando estabas en min.

eva méndez doroxo

quarta-feira, março 2

agnóstica

a pel doe cando os dedos me apresan o medo,
composta de ausencias,
a vida,
informa novamente de que a carne e a pel
son os ingredientes do esquecemento.

eva méndez doroxo

sexta-feira, fevereiro 18

birutas de xocolat

nos pes a andaina do medo
pésame aínda, como a lousa dunha pantasma,
que agardando a indirencia, alumea o meu nome
con alento de morte.

eva méndez doroxo

quinta-feira, fevereiro 17

flocs de nosaltres

m'invaeix la fragancia gélida del llavis absets.
pels porus se'm filtra l'excés de nosaltres,
les humides particules del material que ens contenia,
la forma petrea de l'alé contingut,
batent de tú.

eva méndez doroxo

quarta-feira, fevereiro 16

carta de entrantes.

vestida coas paixons efímeras
desando a distancia do tempo
para agochar as miñas branduras
no ferro dun encontro aprendido.

morriñenta, a tela, desfaiseme a cada paso,
amosando o banquente que agarda
para ser aderezado coas especias
dun ollar vaporoso,
antes de que ela, a tela, o descubra por completo.

eva méndez doroxo

segunda-feira, fevereiro 14

convulsions dunha afogada

quedáchesme nos recunchos da ialma,
nas sésegas do corpo,
nas bagoas dos encontros líquidos.

eva méndez doroxo

domingo, fevereiro 13

afogada na memoria

as dentelladas do extraordinario
agóchanse entre os ollares marmóreos
do inconcluso da nosa existencia.

tamboril esnaquizado que frena
as verbas agónicas que me lanza
dende a barreira do son,
na outra punta do catéter.

reflexos absurdos dunha vida
que por medo a ser vivida,
se nos escapa do presente,
aniñando entre os dentes do extraordinario.

eva méndez doroxo

Free Counter and Web Stats