segunda-feira, março 18

8 mulleres - infinito.



infinito.  – Eu,

“ emerxo serea da verticalidade
na que me atesouras.
trémenme as pernas cando sinto teu alento entre elas,
oscilo lambela no ferro de teu corpo erecto.
somos cerâmicas en composición asimétrica,
un ângulo imposible
no que trasladarnos. ”

infinito. – El,

penetra na porosidade do Eu,
transformando a efervescência da miña identidade.
angorde, percorrida polo fluído que nos mestura,
aprendo os movementos do cosmos,
nesta nova dermis, fría e allea que me contén.

Infinito. – Eu,

agnóstica extremidade de sal,
ferro.

Infinito, nós.

exército de lume, neve nos beizos,
sangue ilustrado que mana dos órganos vivos que observan.

somo-las musas,
as teas de vimbio na que repousa o ollar.

esgazados os ventres,
mirarán a nosa inmobilidade aterrados.

o silencio marmóreo da calma en movemento,
artellado o INFINITO. – Elas,

inquedas.

súmanse os corpos nunha morea de pel.
esquecidos os ósos na porta,
amosamo-los dentes esquivando as sésegas do medo.
mergulladas na licuosidade etérea dun pensamento,
proxectamos o reflexo do ser.

Infinito, Eu.


“ emerxo serea da verticalidade
na que me atesouras.
trémenme as pernas cando sinto teu alento entre elas,
oscilo lambela no ferro de teu corpo erecto.
somos cerâmicas en composición asimétrica,
un ângulo imposible
no que trasladarnos. ”

Infinito, Eu, infinito, el, infinito, nós, infinito, elas, infinito, eu, I-N-F-I-N-I-T-O.


quinta-feira, novembro 29

agnóstica

contando as horas a musa agarda.
sempre efímera,
nunha ensoñación permanente
na que os ollos indican toda a dor
dunha muller sen alma.

afortunada a artista dos alentos,
que viste a musa, entrando nela,
que surxe do soño e advirte a realidade.

son dúas bonecas sen fíos,
mesturadas nunha linguaxe simbólica,
para atopar a liberdade nesta xélida realidade.

eva méndez doroxo

terça-feira, novembro 27

aforísmo do deserto: sinfonía en catro tempos.

intrígame saber qué pasa pola túa mente.

cando lembro o significado das verbas
que enchían, de lóxica, os xestos baileiros.

compúxen a melodía do tempo,
xuntando un anaco de xordos sentires.

sabes ben que es o monstruo
que agochado na barriga doutras letras,
vai parir unha furía-rabia contida,
para expulsarme deste, meu universo.

máis... de novo, compoño, unha sinfonía ardente,
na que saberme Deusa,
espida,
andróxina,
morna de agarimos endóxenos,
supón, simplemente, deixarte afondar noutros peitos,
a min alleos,
para que o teu ego incompetente se libere,
e more, por fin, nos infernos Dela.

eva méndez doroxo

domingo, novembro 4

toxicidade vital

afógasme.
afástome dos cantís do teu corpo,
ergo as pegadas e abando os recunchos nos que habitaba.

morta,
co equipaxe desfeito,
ardo por infinita vez,
no renacemento agónico dunha palabra.

amoso toda a dignidade
que me permitiron os vellos traxes,
as antigas fragancias,
os inomeables mundos que me habitan,
aínda, despois do lume.

eva méndez doroxo

segunda-feira, outubro 29

til de outono

nos segundos de espera abríronseme as veas,
olleinme espida,
baleira de fluídos mornos,
abstracta e deliciosa.

o corpo tremeu
na liberación agónica
na que tan só acho o consol do frío.

agardas deborarme novamente,
sabido do meu deserto de sangue,
aprendíches observándome,
que na tormenta nocturna rexenerarei o líquido vida,
no sabroso aquelarre da dor.

abstracta e deliciosa,
baleira de fluídos mornos,
desexo que non me atrapes.

eva méndez doroxo


terça-feira, julho 10

andróxina 1.0

encarnada,
con forma asimétrica e mirada sen cuncas,
reméxome infinita na profundidade deste medo.

agardo cas feridas con sangue seca,
rebenten de novo,
expulsen o veleno que as apodrenta,
a saliva que nelas deixaron os anteriores moradores
deste corpo andróxino que habito.

eva méndez doroxo

terça-feira, julho 3

lobishomes x.x.3.

xa na hora do recollemento póstumo,
ollo, sorrinte, para as fouces dos depredadores.

cantas horas esquecida nesta cova?

agora, da man doutras musas, pensábame morta,
sen saberme aínda no outro lado.
agardei trescentas horas mortais, para velos.
sedentos, do meu sangue, oléxanme a indiferenza,
búscanme o medo,
lamben o sal da miña pel marmórea.

elas: amigas, irmás, compañeiras...
agasállanlles ouvidos e dedos,
acerriquitando as lembranzas onde eu era musa de tanto animal famento.

comenza o banquete!

eva méndez doroxo

segunda-feira, julho 2

lonxe.

múdanme os pulsos
inmersa neste latexo agónico.
os beizos, abstortos, rezuman as verbas da incomprensión.
mordo a lingua
para sentila viva,
pois en cada intre que transcurre, o sangue apodréntao todo.

as ninfas caeron dos tellados,
abrasadas polo sol das ollasdas temerosas,
reméxense na miña boca,
querendo ser escoitadas, nestas derradeiras horas de agónica linguaxe.

eva méndez doroxo

quarta-feira, maio 16

inconclusa.

navego nas profundidades dun delirio alleo,
enchendo as velas de algorítmos inconcretos
mordo as cordas que me amarran contra o mástil.
preciso caer a auga,
ser ninfa renacente entre as sereas que me chaman,
pero lin a Iliada e non me atrevo a ser ceibe
por mor de que elas, as miñas compañeiras, só sexan
as voces dun pasado polo que navegar resulta perigoso e doado ao mesmo tempo.

resgo as roupas,
libérome das cordas e precipítome ao mar
que ardente reclama cada anaco de min.


eva méndez doroxo.

de abellas e mel.

na infinita circunferencia do teu corpo enxameo.
fago o niño no teu peito,
agardo, en silencio, o alimento do teu latexo.
mollando o bico amaño as escamas,
alporizo ás de soños rotos
e agardo, de novo, unha fíasca de ti.

os ollos multifacetados esquecen e verten
anacos desta existencia húmeda que nos conforma.

na infinita circunferencia do teu corpo enxameo.


eva méndez doroxo

quinta-feira, abril 26

xiculate, churros e cravos.

mollada na complicidade dunha cama, esperto.
formo parte das sésegas da tea,
do infinito dun agarimo desexado,
dunha elíptica forma de nós.

aproveitamos as horas,
nas que os silencios nos deboran,
para enchernos de pedras e así non estar famentos
cando as lembranzas desaparezan
dando paso á fartura de realidade.

mollado no alleo dun sorriso, espértote.

eva méndez doroxo

segunda-feira, abril 23

madeira e sal.

estremo as precaucions cando os alentos descenden.
tra-las formas quedo invisible,
como unha sombra descoidada,
pero ti óllasme descuberta,
sen telas, entre as arañeiras.

tremo agardando a proximidade,
pero nomeas as contras, fechanse as fiestras,
amoreanse os corpos,
quédasme lonxe, na distancia infinita dun ollar no que perderme.

eva méndez doroxo.

km 0.

pendurada na irrealidade, percórrote.
comprendo que existo porque me does.
aprendo, outra vez, a perderme
nas curvas da inconsistencia.
levitar no formol da sabiduría,
navegar no éter.

grolos de nós afogan os berros,
a tolemia dunha estrada que coñecéndoa,
nos resulta allea, misteriosa, nova.

pendurada, na irrealidade, percórrote.

eva méndez doroxo.

sexta-feira, abril 20

confeso que te ameín, un día.

coa luz das sombras achégaste ao medo,
bícalo coa intensidade do descoñecemento,
marchas.

desfainse os fíos que tecín dende o esquecemento,
cando me percorren os beizos que non coñezo.
atravésanme as verbas dun pasado inmediato,
aquel no que me atopei perdida.

na opacidade dos  xestos non sein,
non quero saber quen es.
pero a túa proximidade ispe cada recuncho
desta existencia,
amosa a vulnerabilidade de quen, confeso, amou, un día.

eva méndez doroxo.

esoitando os fados de FaFá.


inmortalidade.

tórnome ninfa,
aprendo a ler a chuvia,
corrompo o gusto e o tacto dos bípedos
que, sen saberme, me atopan.

agardo, entre as follas molladas,
a mistura de salitre
que manca esta pel espida de realidade.

non comparto a neutralidade dos corpos.
móstrome coas telas das lembranzas,
afondo nun mar de texturas que me fain eterna.

eva méndez doroxo.

catro.

na brétema infinita dun agarimo,
perdo o sentido.
deambulo polas estradas do teu ollar,
sen saberme túa,
sen desexar outra cousa ca liberdade
dos teus beijos.

eva méndez doroxo.

quarta-feira, abril 11

tribu dos mortos.

espida, de novo,
acho o sentido desta existencia.

abandoei o vestido das lembranzas,
queimei o abrigo das desilusións,
descubrinme tatuada coas cores do medo.

agora, sen roupa, os pasos alónxame das pantasmas,
os elípticos ollares múdanme as cores
que xogan coa miña pel camaleónica
nun novo circo de evidencias.

vexo outros corpos,
tamén espidos,
escondidos na súor destilada dos silencios.
non nos tocamos, pero, sabémonos exército de superviventes,
da gran batalla do sen sentido.

espida, de novo...

eva méndez doroxo.



muros de carga.

emerxo coa virulencia do fenix
dentre a escravitude do teu corpo.
infrinxo as normas para  reterte na concavidade
da miña brancura,
a que, ata hai nada, admirabas,
na que, ata onte, dibuxabas as liñas curvas
doutras ninfas.

esnaquizada baixo a tensión dos teus beizos,
arrebato o xemido,
o berro,
a furia desta nova gaiola na que me atesouras.

a luz esbara pola corteza dos meus sentidos,
pérdome, na brétema, dos teus ollos,
e volto, novamente a afondar no lume
dun novo nacemento.

eva méndez doroxo.

prima de risco.

as unidades de tempo,
mídoas en segundos sen ti.

eva méndez doroxo.

bioloxía dun pensamento.

mollo os beizos nas formas das túas palabras,
agardando non ser descuberta
nunha fugaz amnesia dos sentidos.

como angorde,
saboreando cada anaco de ti,
procurando que non vexas
o sorriso que esperta cada bocado.

en rematando,
ollas as miñas branduras,
e, paciente, nomeas
cada momento desta pel
que sen sabelo te desexa.

eva méndez doroxo.

Free Counter and Web Stats