segunda-feira, outubro 27

roubadores de beizos

xusto na intersección da liña curva atopámonos,
mesturaches as verbas, a lingua e os xestos
e entregáchesme á escamación dunha pel ferida.

sabía que tiña que escapar,
pero a erótica do prohibido atrapoume máis co teu corpo,
e funme consumindo nunha paixón allea e propia,
co tempo descuberta só en min,
case como obsesión dun nacemento que non se deu.

lembro as escasas formas de vida
nas que coincidimos,
os pequenos intres en que o fluxo cósmico se reorganizou para berrarme: Vaite!

cómo alonxarme de min mesma?
sabendo que nas maus derreteuse todo o anterior
e só hai materia en ti,
un monstruo vestido con pel de terra, tradición, futuro.

así, presa da insensatez da autodestrucción,
cosinme a esa pel, para ser un anaco máis na tela que cubre o teu ser,
e altiva arrastrei a miña oblicua fé polos montes todos do mundo.

ao fin chegou ela,
a que non precisa roupa para ser adorada.
así fugaces na vosa maldade infinita,
bebéstedes os líquidos vitais dos meus soños,
mesturástedes a roupa coa paixón dos que se atopan
e prendéstedes lume á pel na que ía cosida.

agora dende a cinza que son,
admiro a liberdade coa que vivir ceibes de culpa
supón para tantos seres que arden
obsesións, paixóns, e vida.

silenciosa observo o meu novo tecido onde todos os queimados
seguimos agardando a resurrección.

eva méndez doroxo

carnívoras

asfixiame a dor que se cerne ao meu rededor.

lánzome espida ás rúas dos ollos que me xulgarán,
pero non sinto pudor,
a agresividade da brutalidade humana pasa por min sen deixar marca.

sorrio no pacífico xento de liberación
que me fai non sentir golpes,
nin a carne aberta
mentras mana o sangue dador de vida
que bebedes sen sentimento de culpa.

deixo o ollar inmóbil
nun sorriso agónico de eterna perplexidade
entre vós e eu nada acontece.

eva méndez doroxo

sábado, setembro 27

granotes a la pantxa.

no imagino els dits recorrent altre destí que el teu cos.

infinito ser de peregrina incertidume,
na que mergullo a lingua sen saberche o fondo.

comparteixo els badalls d'absència, de nits de llengües mortes,
de pells perdudes...

....agardando beizos salvaxes que non ollen o meu contorno amorfo,
a miña espida deformidade,
e sepan devorarme co medo de quen se sabe observado,
nun desexo tormentoso que queima,  esmaga, aterra!.



eva méndez doroxo

sábado, junho 28

malalties 008

compostaxe de órganos atróficos.

o medo: compañeiro da autopsia.

a incertidume: amante apaixoada.

os pes: furtivos peregrinos de sentimentos obsesivos.

nós: aquelo que imaxinaches,
o que sen saber confundiches con unha hipótese certa.

o tempo: gardián da descomposición axeitada de todo o que significaron.

órganos atróficos que usamos nunha diaria compostaxe de personalidades.

eva méndez doroxo.

malalties 009

cada segundo, esquizofrénico, alonxada de ti.
pel,
circunstancia inquebrantable, pola que contactar.
boca,
imaxen ambigua dunha necesidade de nós.
lingua,
idioma ou órgano,
indespensable calquera delas para a nosa comunicación intrínseca.

e así, nunha fogueira de rumores,
posibles, agoras, nuncas,
misturo o sentir co saberme enferma na distancia dun segundo.

eva méndez doroxo

segunda-feira, junho 23

encefaloraquideo.

cantos anos quedan para que desaparezan as lembranzas?

a auga medra nas pedras, deixando ca herba caia, angorde dende o ceo,
e nós, ollámonos dende o outro lado o espello,
dende a cárcere do futuro,
amosando un anaco de incertidume,
unha grandeza sublime por seguir vivos,
máis, e ti?
lembranza, amiga, compañeira de viaxes ao inferno,
ti nin me esqueces nin me deixas,
agochaste frente ao espello e avisasme do perigo que supón saberte certa.

cantos anos quedan para que desaparezas de min?

eva méndez doroxo.

terça-feira, junho 10

do libro dos mortos: capítulo 3

atopeinte no peto dun vello abrigo chamado lembranzas.
esquecérate, 
pero os medos enrredados no teu pelo fixéronme recoñecerte:
cruel, asfixiante, incompleto.

tiveches fillos.
pequenos seres de sal,
aniñaron neste abrigo e pesan.

aliméntaste das miserias doutras mentes, 
esas ás que non poideches doblegar coa túa verba de xeo.

e aquí estou, 
contemplándote,
espido, cuidando das ninfas sen eclosionar que te farán eterno.

vexo o medo en ti,
agora vexoo, sintoo, cheiroo,
e arrincoo da dermis do meu colo,
abortoo con profunda espiración,
sorrindo escandalosa.

o lume,
única solución para nós, 
arder vos: pai e larvas,
queimar as lembranzas para esquecer que esquecera decirche que non existes.

eva méndez doroxo

terça-feira, junho 3

cartas de non-amor

contrólate!

a lingua relame os dentes aínda sanguentos pola fereza devoradora do teu apetito.

contrólate!

a aorta palpita na excitación do banquete,
bombeando paixón en forma de oxíxeno aos órganos.

non hai control.

os sentidos están fora de ti,
as maus afondan na impúdica mostra de non-amor,
achegándote ao éxtase do nirvana prometido.

e lembras uns versos sorrinte, altiva, imprudente...

"saberte en min desexo,
mostrarte o meu todo,
e que angorde entres en min
máis unha derradeira volta."

asinas a obra co silencio convencional dun dedo.

eva méndez doroxo

linfa

impudicamente ollo baixo a pel.

quinta-feira, maio 8

interferencias

conmóvesme coa túa espiral de dor e apatía,
colándote no meu fluxo vital.

córtasme os dedos,
aprétasme a carne.

informásme do que es.
alértasme e mergúllaste na miña paixón,
sembras a dúbida, o medo, o horror.

débil ser do inframundo,
alimentas o ego dunha muller sen nome,
dunha Deusa dormida,
apoderándote da alma triste de quen te descoñece.

eva méndez doroxo




quarta-feira, abril 30

levedando

mergullas as maus nesta miña forma obtusa,
amasando as impurezas,
a dureza do verbo e o ingrávido do xesto.

énchesme do fluír morno da vida.

agochar dentes,
gardar uñas,
fechar ollos,
confiar.

obstruese o canle respiratorio,
os cuadríceps ténsanse,
máis o traballo intenso e cadencioso segue neste min.

invádeme o desacougo,
pero o sorrir asoma entre as comisuras dunha boca salvaxe
que xa non quere devorarte, só sentirte nela.

e así, ao carón do quente,
levedo.

eva méndez doroxo

sexta-feira, janeiro 17

timbalada

a carne derrétese baixo as texturas quentes dos teus beizos.
infrinxo presión nos puntos febles da honestidade
para activar o pánico dos músculos,
as contraccións dos órganos,
a dilatación dos sentimentos.

troco as verbas polos silencios,
allea a túa necesidade de min.

sorprendémonos na líquida esencia dun agarimo ausente,
intrépidos loitadores de impulsos,
achegate a min,
agarda.

eva méndez doroxo

segunda-feira, dezembro 9

tic tac

árdeme a pel co vapor de non terte nela.
subliño cada pensmento errático nesta inconstante presencia do ser.
existes en min?
ou es simplemente a sombra xeada que me agarda trala fiestra?

eva méndez doroxo

sábado, junho 8

reglas ortográficas.

imperfecta sintaxe dos corpos.
agardando a puntuación correcta,
mesturámonos, ingrávidos, ledos no fluir alleo.

torpes estruturas gramaticais nunha linguaxe nova,
a do ser espido, sen alentos, sen verbas, sen nós.
existimos no lenzo,
debuxando un idioma exento de reglas,
no que un momento é  infinito.

amosar o subliñado dunha carne morna baixo os beizos, fríos, aínda, do inexperto filólogo dos corpos.
mergullarse no éxtase da imperfección da sintaxe...

eva méndez doRoxo

segunda-feira, maio 6

do caderno das obsesións: capítulo 14.

a dor.

compaña inasgotable deste peregrineiro pensamento.
arrastro as feridas dos monstruos nunha pel demasiado transparente.

a dor.

o sangue, esgotado viaxeiro,
combate na peaxe por abandoar este ser,
famélico e lánguido,
co retén sen saber.

foron os alentos prehistóricos os que recitaron o conxunro,
agora, furadada pola inconsistencia de tanto lume,
agocho tres anacos virxes de min.
 por máis que intentaron,
por máis que maltrataron,
por máis que sufrimos, tres anacos resurxiran novamente na lingua prohibida
para aterrar o fluído vida que se resiste a quedar nesta alforxa de ser esquemático.

eva méndez doRoxo

tumchuq, sinfónico...

dirixida no rumbo da individualidade,
atopamos as mans desertas,
ancoradas ao ferro.

sinto a soidade penetrar nas fiascas deste corpo,
avatida por toneladas de verbas que pronuncia o silencio,
sosteño, apenas, unha diminuta imaxe de min.

ronroneando sen medo remexo os osos,
peiteo o pelo e mergúllome na decadencia do ser.

afastada da realidade navego allea á totalidade dun nós.

eva méndez doRoxo

domingo, maio 5

lemon, ginger and frog.

estradas dilatadas percorro en tres segundos,
antes de co sol me arda
deixando as escamas a xeito de pel.

sorrío andróxina,
agardando a néboa para voltar a ser eu.

eva méndez doRoxo

de altos montes, ferro de lobo, lume agónico.

camiño por riba dos cráneos doutras musas,
as que non conseguiron escapar do teu imaxinario e permanecen cadaver,
agardando ser descubertas.

eu, aínda, son de pel cuberta,
pero sángrandme os pes de esnaquizar osos baixo eles.

sinto que non vou dar chegado,
que saír deste pesadelo no que me soñas, 
vai custarme, novamente, a vida.

xa non quedan bágoas,
nin podo rescatar ás outras,
só teño alento para seguir andando,
agardando que me esquezas para deixar de ser outra musa atrapada na túa mente.

eva méndez doRoxo

arábica con cardamomo.

penetras na porosidade, aberta, das miñas dúbidas,
confundindo os milímetros de pel que nos configuran.

eva doRoxo

segunda-feira, março 18

8 mulleres - infinito.



infinito.  – Eu,

“ emerxo serea da verticalidade
na que me atesouras.
trémenme as pernas cando sinto teu alento entre elas,
oscilo lambela no ferro de teu corpo erecto.
somos cerâmicas en composición asimétrica,
un ângulo imposible
no que trasladarnos. ”

infinito. – El,

penetra na porosidade do Eu,
transformando a efervescência da miña identidade.
angorde, percorrida polo fluído que nos mestura,
aprendo os movementos do cosmos,
nesta nova dermis, fría e allea que me contén.

Infinito. – Eu,

agnóstica extremidade de sal,
ferro.

Infinito, nós.

exército de lume, neve nos beizos,
sangue ilustrado que mana dos órganos vivos que observan.

somo-las musas,
as teas de vimbio na que repousa o ollar.

esgazados os ventres,
mirarán a nosa inmobilidade aterrados.

o silencio marmóreo da calma en movemento,
artellado o INFINITO. – Elas,

inquedas.

súmanse os corpos nunha morea de pel.
esquecidos os ósos na porta,
amosamo-los dentes esquivando as sésegas do medo.
mergulladas na licuosidade etérea dun pensamento,
proxectamos o reflexo do ser.

Infinito, Eu.


“ emerxo serea da verticalidade
na que me atesouras.
trémenme as pernas cando sinto teu alento entre elas,
oscilo lambela no ferro de teu corpo erecto.
somos cerâmicas en composición asimétrica,
un ângulo imposible
no que trasladarnos. ”

Infinito, Eu, infinito, el, infinito, nós, infinito, elas, infinito, eu, I-N-F-I-N-I-T-O.


Free Counter and Web Stats