domingo, março 5

til

e cando o infinito cae do ceo
para encherme a pél,
deteño o tránsito das horas.

eva méndez doroxo





terça-feira, fevereiro 14

transaúntes de papel.

teño sede dos teus beizos,
fame de inesperadas correntes,
ganas de saberme en ti.

amoso cada unha das ferramentas
nun acto autocritico,
intento convencerme da valía do tesouro que gardo nelas.

pero cando estiro a mau para beber do vaso,
éncheseme a boca da lembraza do onte,
de cando sen coñecernos atopámonos inmóbiles
deborando os anacos de memoria.

non hai máis medo co de non saber se existes en min.

eva méndez doroxo

vellos mostruos 4.0

hai tempo que non me visitas.
afortunada e ceibe das túas ilarantes presións.
seite entregado a outro corpo,
que implica loita e sometemento,
algo que adoras.

xa non penetran en min as túas verbas esquizofrénicas,
nin os teus medos de crianza carente de corazón.

pero aínda hoxe,
ás veces,
pénsote.

dame mágoa haber traspasado o límite dos corpos
e terte deixado coñecer as debilidades do meu ser,
pois incrédula entregueinme a un sentimento egoísta,
ese que só teñen os seres pequenos,
os que implosionan a súa verdadeira natureza de mostruos,
ese que ti es,
que sigues a ser.

eva méndez doroxo

terça-feira, novembro 8

magosto 3.0

tornouseme fría a voz ao sentir como percorrías outros territorios.
alleo ás miñas estacións,
apañas castañas na frondosidade dun souto que era o noso segredo.

son os teus dedos húmidos os que sinto baixo as follas,
remexendo o sorrir que xa non é meu,
esnaquizando, sen querer, as pedras que me construían.

quen son esas voces que me alonxan de min?

inoportuna seguridade de saberme escraba dun tempo,
interpreto sonetos a reo
pero non consigo voltar aos castañeiros,
onde axitabas as miñas canas para encher o cesto.

segues habitando un recuncho sagrado deste ser que me alberga,
máis non formas xa parte de min.

eva méndez doroxo

lenzo

novamente nada que contar na brancura da pel.

máis o pincel móllase automático nos pigmentos
ledo mistura as cores
e plasma un ábano de formas
na nosa mente.

quén foi que dis que fixo?

controvertidas verbas
inocentes os xestos
pero os frascos rachados por toda eu,
e aínda así o pincel pinta.

eva méndez doroxo

tormentas

cortanse os fíos coa tiseira desafiada da incertidume,
aínda así, cosigo deixar de ser boneca de madeira
e boto a andar,
xa sen rumbo,
pois ninguén dirixe os meus pes.

máis ti,
agardas ver o movemento lento do meu corpo.
segues coas maus pegadas as madeiras con fíos,
as lembranzas de min.

distraída, mollada e fría
ves as pegadas do que fomos
os seres inhertes nos que nos voltamos
co percorrer do tempo.

agora es ti a que serras as falanxes para fuxir de ti.

eva méndez doroxo

castañas e fume.

o resto do tempo é para ti.

sendo capaz de experimentar
a presión irracional da túa levedade
aparento entender cada segundo
das imaxes que me perforas.

indagas no meu iris para saber que penso,
pero son experta neste xogo das mediocridades,
non esperes adiviñarme,
imposible antepor os pronomes.

sen dúbidas asino este contrato
de peles molladas,
máis, noutro momento, escapei e escapo.

lonxe estou destes intentos nosos por ser serpes un do outro.

eva méndez doroxo

terça-feira, outubro 25

identidades 3.0

vai tempo dende que non resucito verbas
desbotadas nas cunetas doutros pensares.

vai tempo dende que non tezo normas
nin aplico formas ás falanxes.

vai tempo dende que non son.

eva méndez doroxo.

compases

corto a pedra que cincela o teu corpo algorítmico
para liberar o ser inmáculo que latexa en ti.

palapas as nove partes asimétricas da miña existencia morna.
descendendo polos ritmos tónicos da cara B dos meus medos.

agardamos tres pronunciados silencios
para mergullarnos nosube-baixa
dunha melodía cardíaca,
estridente e reconfortante
de materia en movemento.

arriscada aposta a de espertarte...

eva méndez doroxo

m'enyoro

hi ha dies en que l'ullcluc de la tardor
em recorda el temps de fulles tendres sota el teu cos.

les llengües mai van arribar a entendres,
però, a mitjanit, quan la son fà via en altres éssers,
nosaltres jugavem a ser.

mossegades nervioses entre crits d'ocells faments.
mai he tingut enyorança,
i ara,
mullada per la pluja d'anys distrets,
m'enyoro.

què ha estat del meu cos?


eva méndez doroxo

terça-feira, maio 10

as portas do inferno

medran na túa marisma
ocultos pensamentos de ídola.
non es máis cunha maraña de pél
na que, ás veces, outro ser se perde.

aínda así, pretendes ascender do inferno
ao verde paraxe que nos separa,
cuspindo impropias verbas ardentes,
para o gran público,
que na area,
agarda o sangue quente
dunha inusual  e andróxina marabilla .

aquí estou,
na espera da materia da que se compoñen os teus soños.

eva méndez doroxo




quinta-feira, setembro 17

imposición de nós

descompoño as pezas deste meu ser atrofiado,
dedos inútiles para agarimar palabras,
ollos queimados na impotencia do diario,
boca sen lingua na que expresar disentimento.

do outro lado: os que berran, observan enquisidores e aniquilan sentimentos.

o porque deste sen sentido, noutrora impensable,
cando abastecendo a miña curiosidade felina
tireinme á areo do circo dixital
para sen sabelo ser o entretemento daqueles que con impoluta discreción diseccionan corpos.

así te agardo,
imprevisible e inerte
neste cosmos pixelado
no que reaprender a coser os dedos para pronunciar a verba amor,
descompoñer os ollos para mirar cara adentro,
e apañar a lingua desexada, arrabatendoa nesta boca inconsciente de ti.

eva méndez doroxo

quarta-feira, julho 29

política do lume 0.0_Navia de Suarna

debastáronme a pel.
escachan os osos baixo a cinza,
enmudecendo o berro desesperado da miña existencia toda.

fun, son, serei deborada unha e outra vez, ata cando?
impunes os ollos de quen me prende co misto da ignorancia,
silenciadas as bocas dos que agochados nas miñas formas,
obserbanme arder.

bágoas de salitre que non soldan este esquelete,
que non rexeneran esta dermis,
que non repoblan este meu ser.

son Eu quen vos fala dende o cadaleito que pisades
coa arrogancia de seres os que me repoboaredes.

as verbas de min manan son o sangue vertido baixo o sol do estio.

eva méndez doroxo

sábado, abril 11

anatomía do fin do mundo 1

dedos.

móstrame o camiño entre eles e ti.
ensíname como agarimar a túa concavidade eterea,
a olexar o cheiro da dermis cuberta de centos de versos,
colarme no oco do teus ollos,
mesturándome co alento do hipotálamo
para saber ser parte de nós.

falanxes.

estende o verbo salvaxe sobre min.
agarda no esmalte do sorriso exhausto do meu ombeligo,
aprende a lamber as rectas oscuras dos desplazamentos,
mergullar a lingua na frondosidade dos órganos
resgando o xemido da médula
para saber ser parte de min.

eva méndez doroxo 

terça-feira, março 17

hidrófuga 4

mágoa das tres capas que me imposibilitan chegar a tocarte.
mergúllome nelas,
acaricieinas infinitas veces,
lambín cada recuncho,
metín os dedos, a boca, o corpo enteiro...

ti segues tras delas.
inmóbil, tal vez nerviosa pola miña insistencia.

só me queda rachar a materia fina entre nós,
arrincar os noos,
compensar as tensións e sen remordementos esnaquizar
cada milímetro de tecido separador.

observarte espida,
aínda inmóbil,
axitada no máis íntimo
por saberme intrépida.

completas o meu cosmos co teu ollar encriptado.

agóchaste tranquila,
recolles os anacos das capas do meu redor e empezas a tecelas de novo,
sorrinte levantas novamente a distancia:

                     aínda non chegou o tempo de estar xuntas.

eva méndez doroxo

sábado, fevereiro 28

esquizo 4.3

asfíxiome nesta dimensión nova.
onde rematan os límites?
cómo podes ser ao mesmo tempo Deusa e Musa?

intrígame o percorrido da dermis,
cada vez se alonga máis e os meus dedos non a dan andado.

véxote a través da lente mínima, obsérvasme, coas ferramentas en mau,
precisas arranxar as mutacions da miña existencia,
non sabes cómo.
sinto a dor que te percorre, impotente trala careta de ferro,
non é doado arranxar un humano,
non serven soldador nin masilla, non serven as ferramentas que atesouras.

en tanto eu, consúmome na inmensidade desta forma allea,
en silencio,
observo,
sinto...

eva méndez doroxo

terça-feira, dezembro 23

yasodara

neva.
a lembranza do encontro permanece no branco,
fumea.

esnaquizase o sorriso tras os muros de distancia,
fuxiches vestido pola noite,
agardando o silencio da miña respiración tranquila.

escapas do corpo, da tela, dos dedos, da lingua,
de min?
realmente non existe o medo nun acto desesperado
por desaparecer.

atopaches a paz, así quieto lonxe de nós?

pero sen darte conta acaricias a pel cos meus beizos percorreron
ata quedar extenuados,
oles as teas nas que nos arreboullamos amosando os dentes,
apañas o poo das lembranzas inscritas no teu ser xa alleo a min.

eu observo caer a neve, cubrirme o xesto,
encher os ocos do quente.

agardo.

eva méndez doroxo

quarta-feira, dezembro 17

mutación vítrea

non queres comprender.
alongas as túas falanxes vidrosas,
queres ser a súa ninfa,
unha musa para o seu corpo,
pero non comprendes que para el non existes.

pérdeste no seu padal,
queres ser lingua dentro da súa boca.
vestir a tela da súa pel no teu corpo,
sentir o palpexo vital do seu ser dentro de ti.

e non entendes que estás na entrega doutro ser,
non é el, é o outro, o que esquivas con sorriso estudado,
a quen seduces con extremidades de zucre,
a quen sen querer vestir vistes no teu lenzo lixoso de rabias.

observas, mentres vives,
ao el que desexas nas túas cavernosas formas,
e non ves o que destrúes con cada alento.

infinita muller de medos e nomes rotos.
achégate a min e bebe o néctar purificador
das verbas.


eva méndez doroxo

sexta-feira, dezembro 12

experimentos 4.0.

pendurada da luz, alento.
non comprendo a axitación do fisiolóxico
cando un único dedo de sal
aproximándose a este espazo infinito de fluído vital.

do outro lado,
no espello da nosa realidade,
agarda o pracer oculto entre as voces.

infrinxo as leis da física e atraveso o espazo que habita entre os electróns
e o núcleo,
famenta dun outro nós sen salitre nin límites do espello.


espida de tecidos e órganos
entrégome na pura indescriptible verbal,
ao aquelarre da fusión das nosas non-materias,
nun exaltante exercicio de fé.

pendurada da luz...ximo.

eva méndez doroxo

terça-feira, novembro 4

corruptibles corpos.

imponse a necesidade exacta de ser escéptica.
mollar os dedos na mel dun corpo novo,
e lamber infinitamente o zucre do momento.

beber un grolo extremo de elixir da vida,
arrincándollo dos beizos ao ser de fermosa liña
que agocha o fucín no meu colo.

só así, podo obter un mínimo dos ingredientes
que preciso para a viaxe.
non dependo da sorte,
as redes técense nas fisuras das extremidades
que me moven entre os centos de mortos
que na miña pesquisa tiven que explorar.

o clímax de saberme perto do fondo do universo,
no nirvana do pracer escondido,
sabendo que do outro lado da liña agardas ti,
con sede de vida e fame de mel.
na exacta necesidade de min.

eva méndez doroxo

Free Counter and Web Stats