domingo, fevereiro 13

memorias dunha afogada

indefensa, ardo nas paixons do medo.
abandoacheme hai tempo e estou cansa,
furadada e oca sen ti.
non me aturo,
non desexo o efímero
nin agardo que me visites novamente.
son un nobelo de pel e osos,
un agocho de min mesma,
do que noutrora fun,
de quen queimaba en vez de ser queimada.
os fíos anódanme a gorxa
coa forza das palabras que se pronuncian
no silencio das filas traseiras
do teatro chamado vida,
dende onde me contemplo caer ao chan,
sen extremidades para que me ergan,
sen cabeza para enfrentarme digna
a este cantil infinito de ruido
imperceptible,
de borralla semántica,
de dor na caluga, tras a respiración
que por fortuna conservo,
para lembrar que sentir é estar viva,
e iso, a esperanza de liberarme de ti,
de que sen voltar voltes
e sen aturarme me ames, como antes, cando te tiña.

eva méndez doroxo

Sem comentários:

Free Counter and Web Stats