segunda-feira, outubro 27

roubadores de beizos

xusto na intersección da liña curva atopámonos,
mesturaches as verbas, a lingua e os xestos
e entregáchesme á escamación dunha pel ferida.

sabía que tiña que escapar,
pero a erótica do prohibido atrapoume máis co teu corpo,
e funme consumindo nunha paixón allea e propia,
co tempo descuberta só en min,
case como obsesión dun nacemento que non se deu.

lembro as escasas formas de vida
nas que coincidimos,
os pequenos intres en que o fluxo cósmico se reorganizou para berrarme: Vaite!

cómo alonxarme de min mesma?
sabendo que nas maus derreteuse todo o anterior
e só hai materia en ti,
un monstruo vestido con pel de terra, tradición, futuro.

así, presa da insensatez da autodestrucción,
cosinme a esa pel, para ser un anaco máis na tela que cubre o teu ser,
e altiva arrastrei a miña oblicua fé polos montes todos do mundo.

ao fin chegou ela,
a que non precisa roupa para ser adorada.
así fugaces na vosa maldade infinita,
bebéstedes os líquidos vitais dos meus soños,
mesturástedes a roupa coa paixón dos que se atopan
e prendéstedes lume á pel na que ía cosida.

agora dende a cinza que son,
admiro a liberdade coa que vivir ceibes de culpa
supón para tantos seres que arden
obsesións, paixóns, e vida.

silenciosa observo o meu novo tecido onde todos os queimados
seguimos agardando a resurrección.

eva méndez doroxo

Sem comentários:

Free Counter and Web Stats