quinta-feira, junho 16

cravo, lavanda, ti.

configurada cos fíos, doutras teceduras anteriores,
mergúllome nos dedos da túa hostilidade.

as veces, mollo os beizos nas fibras que esqueces
ao tensar o bastidor sobre a miña pel aínda enxutia.
consigo terte moi perto,
tocarte case co alento,
sentirte na humidade que me invade.

alleo aos meus pensamentos,
crábasme a madeira torneada das palabras secas,
irrumpes na cubeta onde as texturas se expanden
para sacar, con tino, outro pedazo de min,
amecéndome ao erro que me vai desfacendo.

procesas, unha vez máis, o meu corpo exento de nós,
para detallar no acetato o contorno de quen desexarías que fose,
a muller, que non ves, enterrada nas liñas difuminadas
da superposición de personalides.

consúmome en silencio,
observadora ausente,
monstruo impaciente das túas creacions extraordinarias.

configúrome baixo a presión de ser túa un segundo antes de desaparecer.

eva méndez doroxo

Sem comentários:

Free Counter and Web Stats