domingo, abril 24

os camiñantes nocturnos

téñote gardado nunha caixa,
aquela de brilantes cores na que, as veces,
enredabas.

lévote pechado nese espazo
que algúns chaman soños,
o lugar onde as ilusións xogan ceibes cos desexos
para aniñar no peto onde, como xa che dixen, gardo a túa caixa.

transporto, con escaso traballo,
a rede de pensamentos alleos,
o liño vello no que xogabas a ser ti mesmo,
a forma do que lembro que eramos antes de meterte na caixa,
esa, que chea de cores brilantes, afastei da vista durante séculos,
aquela onde te escondiches de min un día para non saír nunca máis.

pero con todo, eu sigo pintandoa de cores novos,
por si tal vez, un día, cando dormida me aches,
te atrevas, novamente, a escalar as paredes e saírme do peto,
meterte na cama e ollar para a caixa de xoguete na que gardarme.

eva méndez doroxo

Sem comentários:

Free Counter and Web Stats