quinta-feira, janeiro 31
febleza musical
levo cinco horas escoitando a abominación lírica,
o sistemático asasinato de melodías.
penduro o teléfone e concéntrome,
imaxino a composición.
o que non podo oír.
miro ao redor,
balbúceo o único que podo expresar:
sinxelo son musical chamado linguaxe.
abro as fiestras, subo a cornisa e berro.
aleatorias palabras que forman un sen sentido
captador da atención dos viandantes.
cementados meus pes nese cacho de granito,
medro, triplico a miña dimensión sentíndome mesías.
todos eles ferven alienados por un discurso froito da desesperación.
baixo do púlpito, fecho as ventás, apago a radio que me trastornaba.
observo dende as sombras a conmoción do público.
o reality show non culminou,
aclámanlle ao Cesar o sangue do gladiador.
eva méndez doroxo
quarta-feira, janeiro 30
polémica
baixo as coixas molladas.
exaltada, despeiteada,
cos ollos vermellos da rabía;
comunico dende os castelos da razón,
que non oe lamentos,
non percibe dolos,
non sinte os latexos.
embaixo, no fondo dun mar de ruído,
alzas túa voz femia.
abres camiño entre a densidade dos ermuos.
xuntas os beizos e emites nun código
que eu,
dende a superficie alisada dun pedestal marmóreo,
podo escoitar.
cravo miña mirada de Diva
na negrume uniforme que me adora,
e vexote, amada, brilar dende o inconformismo.
eva méndez doroxo
segunda-feira, janeiro 28
morfar
apresurada en medrar. deixei de ser muller,
mudei a pel no longo transcurrir das horas.
comprendín que non existía.
son a sal que se lambe despois das bágoas.
crábanme unha fila de ollos,
pero son cobra que peregrina,
sigue medrando na dolorosa forma do berro contido.
verbas croando perto de mi,
nívels de sur-realismo máxico
do que me visto.
eva méndez doroxo
terça-feira, janeiro 22
desorientada
retállome infinitas veces ata que de min só quedan os átomos.
as partículas microscópicas que me definen,
separadas eternamente e condenadas a ser percibidas como un todo.
o corpo sen forma que lambiches interminablemente,
non chegando a imaxinar nunca que a túa saliva
mollaba o espacio superficial da miña existencia.
esquecín os dedos entre as moléculas que me compoñen.
atopeime erguida nunha néboa laranxa
coa miña mau atravesándome.
contemplei absorta como os laranxas vaos que me envolvían
ían adheríndose as paredes subcutáneas da miña expresión.
transmutei no ser que agora acontece.
eva méndez doroxo
mmh
chántasme o fío férreo dun silencio que non comprendo.
destezo cada segundo ata chegar ao invisible,
reconstrúo, nun soño finito, os símbolos que debuxaches no espello.
conmemoro o ritual incestuoso no que nos unimos.
finxir agora esta soidade,
mesturardos co restos de transpiracións,
criaturas altivas,
rebosantes de pudor,
é un acto ilóxico de transmutación.
conformo túas branduras entre as miñas maus.
inspírote coa forza do famélico e a intuición do experto.
atorméntanme teus beizos pechados,
rastreándome con ollar felino,
divertida antes de devorarme.
desdebuixote nun delirio incomprensible,
para recuperarte nun berro,
entre a nudez dos outros.
eva méndez doroxo
segunda-feira, janeiro 21
retórica
bendita ignorancia.
ao redor de min ríos de xente,
desembocan no mar das estridencias.
eu sorríolles, agarimo (a algúns),
compártome con eles,
máis non sei quen son.
hoxe abrín un libro e descubrinte,
agochado tras as verbas
eva doroxo 2007
domingo, janeiro 20
interrógame
son partículas en suspensión.
daquelas que teñen nomes imposibles,
que alguén un día catalogou para despois esquecer.
etérea e impredecible,
mesmo as horas que preceden ao furacán.
reméxome na efervescencia dun corpo en descomposición.
soterrado para non ser visto,
pero que aínda existe:
sinto, percibo, quero transmitir.
son o alimento das diminutas bestas que me envolven,
ollándose satisfeitas na disfruta do manxar.
composición intanxible do que algún día fun.
eva méndez doroxo
quinta-feira, janeiro 17
I be ready
choven palabras.
mollan.
calan os ósos e desfanos,
suprimindo a sustancia fosfática da ialma.
precipitacións de es, us, xis, e a innomeable z,
unidas en combinacións imposibles para perforarnos.
compre dicir que son froito de nós.
que estivemos na seca e tamén rachamos;
como ramas fráxiles de cristal.
agora por fin decidimos comunicarnos,
e atopamos na linguaxe un aliado,
emitimos tod@s a vez.
só é ruído,
o mesmo que suprime a vida no mar,
que nos molla ata diluírnos.
eva méndez doroxo
terça-feira, janeiro 15
presentación do libro
sen sentido
incomunico co verbo que precede ao desastre.
ollada aberta nun furado fluorescente para cas portas se fechen.
tiña razón o cerebro intestinal en pórse de manifesto.
correron estraños polo meu redor,
vómitos irregulares de comprensión delirante.
maxestuosidade dos ollares difuminados no chan que arrebate calquer mirada.
reflexo continuo do que somos,
seres con lingua e sentido confuso.
desorientadas criaturas para as que rir, agónicas,
é único medio de escapar da cadea.
só dando a volta a nós mesmos e bebendo a grolos o excremento que expulsamos
ficarei capaz de dirixirme a ti e comunicar-in-comunicar.
medio imaxinable de reconstrucción alterna.
eva méndez doroxo
segunda-feira, janeiro 14
comestible
achóme no lugar onde os ollos pensan,
agardan o momento para afondar
chegar ao centro ingrávido
no que os dedos falan unha linguaxe indefinida.
eva méndez doroxo
sexta-feira, janeiro 11
quinta-feira, janeiro 10
lisboa é un continente
mollada.
decadencia de días nos que a raia das medias percorría sen dilación as pernas.
conmensurada boneca de materia irrompible.
gardo o cheiro de pementa verde nalgún recuncho da mente,
inevitablemente acudo a ese paraxe e sumerxo a lingua,
abrindo os ollos polo picor precedente de pracer,
ingrávida caída na que as medias voltan tersa a pel que cubre as branduras.
eva méndez doroxo
quarta-feira, janeiro 9
parto
convértome en luz.
rexistro a boca para atopar o interruptor,
desconexión da realidade húmida que me preme.
corro polo teito descalza,
non quero deixar pegadas da miña inexistencia.
suprimo calquer sensación apática e recupero o alento inmortal dos vampiros.
o pelo enche a taza de caldo,
bebes meus cabelos, tallaríns en suspensión.
afondas na cavidade externa que me contén,
obsérvote.
devorada por min mesma,
sento na profundidade dun neal absurdo,
mestura de carmín e zucre;
xiculate co que untarche a conciencia.
desaparezo coa luminosidade dunha lembranza,
pensa en min.
eva méndez doroxo
segunda-feira, janeiro 7
cartas dende o mar
No bar, cos amigos, sempre pensaba que tiña unha relación máis ou menos como o resto. Unha moza simpática e xeitosa, bastante independente pero namorada, a que lle gustaba acurrucarse pola noite contra o seu corpo.
Os outros non falaban gran cousa das súas relacións, polo tanto el tampouco. Aprendera que mellor seguir a corrente e facer o que fan os demáis.
Pero dende había dous meses Sue Helen estaba extraña, xa non lle falaba dos problemas no choio, polas noites escurríase cara unha veira da cama só quentando os pes no corpo de Conrad. El non era psicólogo pero entendía que algo estaba a suceder, algo que non pintaba demasiado ben.
Apurando o grolo de birra xuntou valor para chamala dende o bar. Era venres, os venres ela saía coas amigas, era un día de desconexión, tiñan o acordo de non chamarse a non ser que algo grave pasase.
- Conrad?
- Boas... xa sei que non ...
- Pasou algo?
- Teño que falarche, non aguanto máis esta situación.
- Pero... qué che pasa, tas bébedo? falamos na casa.
Esa noite non apareceu pola casa. Era tarde e sentou mirar o mar zoar contra as rochas. Cando se quixo dar conta era día. Perdera a noción do tempo. Os seus ollos fixos no mar abstraerano da realidade, repasando os derradeiros 5 anos con ela, cómo se coñeceran, cómo el se aproximara a ela e a conquistara, as primeiras citas, a mudanza a un piso máis grande para poder vivir xuntos, as noites tranquilas xuntos, as risas...todo quedaba tan lonxe, tan lonxe...
sexta-feira, janeiro 4
xa chega a presentación do libro
Filo-Café: Suicídio/Altericício
Rua Silva Tapada, 134
Porto
máis información na incomunidade