Mostrar mensagens com a etiqueta maceradas. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta maceradas. Mostrar todas as mensagens

quarta-feira, dezembro 17

mutación vítrea

non queres comprender.
alongas as túas falanxes vidrosas,
queres ser a súa ninfa,
unha musa para o seu corpo,
pero non comprendes que para el non existes.

pérdeste no seu padal,
queres ser lingua dentro da súa boca.
vestir a tela da súa pel no teu corpo,
sentir o palpexo vital do seu ser dentro de ti.

e non entendes que estás na entrega doutro ser,
non é el, é o outro, o que esquivas con sorriso estudado,
a quen seduces con extremidades de zucre,
a quen sen querer vestir vistes no teu lenzo lixoso de rabias.

observas, mentres vives,
ao el que desexas nas túas cavernosas formas,
e non ves o que destrúes con cada alento.

infinita muller de medos e nomes rotos.
achégate a min e bebe o néctar purificador
das verbas.


eva méndez doroxo

quinta-feira, maio 8

interferencias

conmóvesme coa túa espiral de dor e apatía,
colándote no meu fluxo vital.

córtasme os dedos,
aprétasme a carne.

informásme do que es.
alértasme e mergúllaste na miña paixón,
sembras a dúbida, o medo, o horror.

débil ser do inframundo,
alimentas o ego dunha muller sen nome,
dunha Deusa dormida,
apoderándote da alma triste de quen te descoñece.

eva méndez doroxo




domingo, maio 5

de altos montes, ferro de lobo, lume agónico.

camiño por riba dos cráneos doutras musas,
as que non conseguiron escapar do teu imaxinario e permanecen cadaver,
agardando ser descubertas.

eu, aínda, son de pel cuberta,
pero sángrandme os pes de esnaquizar osos baixo eles.

sinto que non vou dar chegado,
que saír deste pesadelo no que me soñas, 
vai custarme, novamente, a vida.

xa non quedan bágoas,
nin podo rescatar ás outras,
só teño alento para seguir andando,
agardando que me esquezas para deixar de ser outra musa atrapada na túa mente.

eva méndez doRoxo

segunda-feira, março 18

8 mulleres - infinito.



infinito.  – Eu,

“ emerxo serea da verticalidade
na que me atesouras.
trémenme as pernas cando sinto teu alento entre elas,
oscilo lambela no ferro de teu corpo erecto.
somos cerâmicas en composición asimétrica,
un ângulo imposible
no que trasladarnos. ”

infinito. – El,

penetra na porosidade do Eu,
transformando a efervescência da miña identidade.
angorde, percorrida polo fluído que nos mestura,
aprendo os movementos do cosmos,
nesta nova dermis, fría e allea que me contén.

Infinito. – Eu,

agnóstica extremidade de sal,
ferro.

Infinito, nós.

exército de lume, neve nos beizos,
sangue ilustrado que mana dos órganos vivos que observan.

somo-las musas,
as teas de vimbio na que repousa o ollar.

esgazados os ventres,
mirarán a nosa inmobilidade aterrados.

o silencio marmóreo da calma en movemento,
artellado o INFINITO. – Elas,

inquedas.

súmanse os corpos nunha morea de pel.
esquecidos os ósos na porta,
amosamo-los dentes esquivando as sésegas do medo.
mergulladas na licuosidade etérea dun pensamento,
proxectamos o reflexo do ser.

Infinito, Eu.


“ emerxo serea da verticalidade
na que me atesouras.
trémenme as pernas cando sinto teu alento entre elas,
oscilo lambela no ferro de teu corpo erecto.
somos cerâmicas en composición asimétrica,
un ângulo imposible
no que trasladarnos. ”

Infinito, Eu, infinito, el, infinito, nós, infinito, elas, infinito, eu, I-N-F-I-N-I-T-O.


Free Counter and Web Stats