quinta-feira, maio 29

contos de berce

ráchasme con apática virulencia.
esnaquizas cada centímetro de min coa túa lingua voraz.
sistemáticamente torturada por uns agarimos que non chegan.

suprimida coa tecla de borrado rápido que se aperta baixo os dedos intolerantes.
non coñecida fora de ti pero anhelada de liberdade,
asubío unha melodía que me transporta alén destes océanos absurdos.
(pintados de laranxa e negro mora)

rexistro cada pensamento alleo nun recuncho do éter que me contén
para nacer un día chea de experiencias pasadas
coas que escribir o futuro, pasando nas puntas por este presente incerto que me mece.


eva méndez doroxo

segunda-feira, maio 26

amosando os dentes

son a herba de namorar arrincada sen tino.
a po que enche os petos dun abrigo pechado baixo chave.

en ningures atoparemos rostros amigos nos que descansar,
unha tina de auga quente para deixar destecer os dedos reumáticos.

o tempo, ese compañeiro indesexado, énchenos o rostro de botox,
para intentar divorciarnos de nós.

as follas tórnanseme penedos que escachan,
o violeta esmorece lonxe do mar.

plántasme no teu pensamento, son herba de namorar.



eva méndez doroxo

sexta-feira, maio 23

FLIPANTE!!

ben, non teño palabras, non consigo atopar unha secuencia de letras que signifiquen o que sentín onte na presentación que me destes oportunidade de ofrecer. SÓ MIL GRAZAS a todos os que fixestedes posibles estes versos, este libro, esta vida.

Para quen non pudo asistir só decir que eu non falei de libro nin ninguen falou de min, só todos os que participamos tanto actuando, como recitando, como escoitando falastedes do que é a POESIA, algo inexplicable que te invade aínda que non a entendas unha desas cousas que ten a humanidade para poder dialogar co resto do universo.

GRAZAS A TOD@S e alegrome moito que disfrutarades.

mil bicos
Eva

quarta-feira, maio 21

benvidos á presentación


22 Maio 2008, 20h
Galeria Sargadelos
Provença, 276
Barcelona


Mañá XOVES 22 de maio de 2008 as 20h, na GALERIA SARGADELOS de Barcelona, rúa Provença, 276 (ao carón de Rbla Catalunya) á presentación do meu libro: as sete idades.

O acto baixo o lema as sete idades, as sete linguas. dialogo poetico intercultural ao redor das sete idades, ten como obxectivo dar voz as diversas linguas, as diversas sensibilidades que alá nos deamos cita, ousexa que animo-vos a traer as vosas gorxas e os vosos oídos para transformar, transmutar, dialogar e crear.

Os nervios e as palabras, aquelo que nos une, nos tece e nos aproxima!! eso que somos e que non podemos rexeitar.

eva méndez doroxo

+ info

a linguaxe segreda

nas xemas dos teus dedos,
suspendida no esquecemento das verbas.

non me pronuncies. non desaparecer. non later.

teu contorno azul remexe no meu marrón.
liscaches antes de poder imaxinarte.
roíches cada pedazo desta pel
tatuada de nós.

devórame. rexeitar. tropezar.

constantemente alumeo as noites
coa luz das bolboretas fluorescentes.
danza eterna para amosarche o fío ata min.

controlamos cada instante pasado para saltar incontrolados na incertidume.


eva méndez doroxo

segunda-feira, maio 19

PRESENTACIÓN DAS SETE IDADES EN BARCELONA


22 Maio 2008, 20h
Galeria Sargadelos
Provença, 276
Barcelona


Quedades tod@s convidad@s o vindeiro XOVES 22 de maio de 2008 as 20h, na GALERIA SARGADELOS de Barcelona, rúa Provença, 276 (ao carón de Rbla Catalunya) á presentación do meu libro: as sete idades.

O acto baixo o lema as sete idades, as sete linguas. dialogo poetico intercultural ao redor das sete idades, ten como obxectivo dar voz as diversas linguas, as diversas sensibilidades que alá nos deamos cita, ousexa que animo-vos a traer as vosas gorxas e os vosos oídos para transformar, transmutar, dialogar e crear.

unha mega aperta e moitisimos bicos
eva méndez doroxo

+ info




quinta-feira, maio 15

a carne fría

sodomizada polas lembranzas na pel,
enróscome nos dedos sen unllas que me brindas,
para encherme de vida:
ciclo ingrávido no que todo existe
antes de nós, despois de min.

sen plurais o sentido absurdo da realidade destecida
na profundidade do meu atlántico.

perdinme nesta claridade e meus berros
afogaron o que quixen decir,
só quedan anacos retallados dunha ilusión no chan.

tabilhona

Free Counter and Web Stats