Mostrar mensagens com a etiqueta da horta. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta da horta. Mostrar todas as mensagens

sábado, fevereiro 28

esquizo 4.3

asfíxiome nesta dimensión nova.
onde rematan os límites?
cómo podes ser ao mesmo tempo Deusa e Musa?

intrígame o percorrido da dermis,
cada vez se alonga máis e os meus dedos non a dan andado.

véxote a través da lente mínima, obsérvasme, coas ferramentas en mau,
precisas arranxar as mutacions da miña existencia,
non sabes cómo.
sinto a dor que te percorre, impotente trala careta de ferro,
non é doado arranxar un humano,
non serven soldador nin masilla, non serven as ferramentas que atesouras.

en tanto eu, consúmome na inmensidade desta forma allea,
en silencio,
observo,
sinto...

eva méndez doroxo

quinta-feira, novembro 29

agnóstica

contando as horas a musa agarda.
sempre efímera,
nunha ensoñación permanente
na que os ollos indican toda a dor
dunha muller sen alma.

afortunada a artista dos alentos,
que viste a musa, entrando nela,
que surxe do soño e advirte a realidade.

son dúas bonecas sen fíos,
mesturadas nunha linguaxe simbólica,
para atopar a liberdade nesta xélida realidade.

eva méndez doroxo

sexta-feira, abril 20

catro.

na brétema infinita dun agarimo,
perdo o sentido.
deambulo polas estradas do teu ollar,
sen saberme túa,
sen desexar outra cousa ca liberdade
dos teus beijos.

eva méndez doroxo.

quarta-feira, março 14

cabaleiros e musas.

non teño intención de someterme aos teus delirios.
imprimín o medo na miña dermis,
agora,
por sempre nela,
amosareincha espida, tal como fora.

craváchesme as agullas da contención,
rexeitando as miñas formas,
armando unha nova Eu entre fíos tinguidos de sangue,
o meu, o dela, o de todas aquelas que aínda están por chegar.

eva méndez doroxo.

domingo, março 11

trufas e crema de castañas.

quero esgazar a gorxa no esconxuro dos teus beizos.
morrer infinitamente, sen permiso do corpo.
amosarche o sentido da liberdade
con cada bocado destes dentes.

quero afondar os dedos,
no unto das túas mentiras
e deborarte como predador que fuches.
chantar as uñas no desexo,
afogar os sentidos,
deixarme invadir.

eva méndez doroxo

quinta-feira, julho 28

incompleta.

consigues escapar
arrabuñando as costuras dos meus medos.

infrinxo toda norma para arrebaterte,
contraes os músculos,
símbolo inequívoco de rebelión, da túa rendición.

agardas cos ollos pechados
que a calor da miña pel te invada.
olexas, o ar, adiviñando a liberdade que agarda.
decides inculparme cun berro
que racha a miña cordura e me cisca en anacos infinitos.

non estas,
non vas voltar,
endexamáis estarás.
agarda polos meus bocados,
ameceos na distancia
e sinte, novamente, esta muller incomplenta sen ti.

eva méndez doroxo

terça-feira, junho 21

esperanza verde.

esquecín a miña identidade
ao sentir, os teus ollos, pousarse
na incertidume dun agarimo pronunciado.

os cantís abríronse dentro de min,
formando as liñas da locura,
a compañeira de viaxe que te alonxa,
que nos achega.

somos seres abnésicos de nós,
rumiantes das verbas,
infinitos viaxeiros de peles alleas.

eva méndez doroxo

sexta-feira, junho 10

segundos

cardiovasculas nunha intensidade efímera,
a que o marca páxinas do meu alento,
che indica con cada exhalación.

formulas unha palabra nova a cada agarimo,
cando o contacto, do teu latexo a miña incongruencia,
fisura as portas que nos protexen.

nun berro silencioso,
proclamo, unha vez máis,
que desexo ser túa.

eva méndez doroxo

sábado, maio 28

porqué?

resisto na liña invisible da cordura.
atravesada polo ferro,
mantéñome en pé,
vendo o sangue que mana dos buratos infrinxidos.

abandoada na corda,
esquecida, baixo o lume da lembranza, en silencio,
resisto na liña invisible da cordura.

eva méndez doroxo

domingo, maio 1

mundo de idiotas

afortunada a pel que descoñece as verbas.
os dictados estúpidos de fraseloxía incógnita,
esa que cando me falas empregas,
antes de deixarte caer nun agarimo eterno
sobre as branduras todas da miña insensibilidade.

afortunados os beizos,
que conteñen a lingua inqueda que calada fai que baixe as armas
e me entregue gustosa ao ritual silencioso dos teus discursos.

afortunado ti,
que imploras idiomas e descoñeces, aínda,
as letras do meu abecedario.

eva méndez doroxo

terça-feira, abril 5

litografía dun adeus

quedei aberta.
polos furcos escápaseme a vida.

ti, pétreo, agardas cos feitos se calmen,
óllasme sen verme.

cada gota de sangue que abdíca do meu corpo,
aniña na eterna despedida dos amantes.

oscura, entre a neboa dos pensamentos,
imaxino que as feridas non son fondas,
érgome no derradeiro alento,
e crávoche con forza o meu corazón no peito.

eva méndez doroxo

terça-feira, março 15

idioma alleo

incerta agardo co esquecemento me aprese.
mergúllome no son da indecisión,
no alongado filtro dun pensamento.

non creo en min mesma,
nin na cadea de ollos que me xulgan,
silenciosos, baixo a neboa dos interrogantes.

formo parte do alleo,
configúrome nas verbas duns beizos
que me son descoñecidos,
agardo que unha lingua estrana
me percorra para deixarme ser libre
por cada segundo de angustia.

eva méndez doroxo

domingo, fevereiro 13

memorias dunha afogada

indefensa, ardo nas paixons do medo.
abandoacheme hai tempo e estou cansa,
furadada e oca sen ti.
non me aturo,
non desexo o efímero
nin agardo que me visites novamente.
son un nobelo de pel e osos,
un agocho de min mesma,
do que noutrora fun,
de quen queimaba en vez de ser queimada.
os fíos anódanme a gorxa
coa forza das palabras que se pronuncian
no silencio das filas traseiras
do teatro chamado vida,
dende onde me contemplo caer ao chan,
sen extremidades para que me ergan,
sen cabeza para enfrentarme digna
a este cantil infinito de ruido
imperceptible,
de borralla semántica,
de dor na caluga, tras a respiración
que por fortuna conservo,
para lembrar que sentir é estar viva,
e iso, a esperanza de liberarme de ti,
de que sen voltar voltes
e sen aturarme me ames, como antes, cando te tiña.

eva méndez doroxo

segunda-feira, janeiro 3

sopa de tartaruga

esnaquizo os membros da incertidume,
adovoos coas especias do inconfesable,
remezo a mistura e engado o salitre
das bagoas contidas
entre o paso do tempo e a velocidade do alento.
deixo reducir a mistura na lentitude do lume,
o que prendéramos hai anos
cando inxenuos acariñabamos as cunchas,
sen sabernos canívales do tempo.

eva méndez doroxo

quinta-feira, dezembro 9

nunca antes

mordín as verbas mentras saían da miña gorxa.
rozando o invisible,
aproximeinme aos cantís da mácula.

son a fada que me observa,
instalada na dimensión adversa,
onde nunca antes naide andou.

esbaro pola liña recta,
algo inclinada,
oblícua,
que me pretende guiar
neste percorrido absurdo á cordura,
esa agónica compañeira de viaxe,
que há anos quedou encorada no fondo
da miña existencia prosaica.

eva méndez doroxo

domingo, outubro 24

importunismos

quero mergullarme nas imperfeccións da túa pel de neve.
implicarme nas caricias que imprudente me roubas
para agochar os dentes na prohibición do teu pescozo.

infiltrada no que pronuncias sinto levitar os meus pensamentos,
ata onte incertos.

somos aracnidas extremidades en convulsa interpretación silenciosa.

eva méndez doroxo

quinta-feira, junho 17

o alento das torturadas

xa non existo.
desprendinme de min mesma,
levitein.

conformada tres grados norte,
cinco punto tres minutos oeste,
excito a materia inherte
que hai tres anos abandoein.

afortunadamente consciente suprimo
calquer vestixio de min,
recontruirme non quero,
desexo seguir no éter,
na incongruencia efímera
desta inexistencia de min.

eva méndez doroxo

segunda-feira, junho 7

caída libre

contra o chan, esclafada
aterrada de min mesma,
os membros despréndense da unidade corpo.
óllasme, como sempre, sen verme.
dende as alturas precipiteinme mentras ti, ausente e vivo, ris grotesco con outros corpos.
eva méndez doroxo

sexta-feira, maio 7

trucos de cociña

canibalismo é sinónimo de min.
un aforismo do irresoluto,
analoxía de aférrime sin sentido,
gusto a mel.

calendario é antónimo de agora.
tormenta de interrogacións,
plenitude de incógnita,
sabor limón.

mistura é olores diversos,
cores complementarias,
corpos espidos baixo o sol, sobre a xeada.

eva méndez doroxo

sexta-feira, abril 23

K_ serie non numerada H

cada palabra túa,
acaricia meus ollos pechos,
arrincándome do soño,
achegándome ao desexo.

palpito,
folla ardente entre teus dedos,
letra deborada por teus beizos,
muller feita papel na verticalidade dun agarimo ininterrumpido.

eva méndez doroxo

Free Counter and Web Stats