Mostrar mensagens com a etiqueta degustación. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta degustación. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, novembro 8

magosto 3.0

tornouseme fría a voz ao sentir como percorrías outros territorios.
alleo ás miñas estacións,
apañas castañas na frondosidade dun souto que era o noso segredo.

son os teus dedos húmidos os que sinto baixo as follas,
remexendo o sorrir que xa non é meu,
esnaquizando, sen querer, as pedras que me construían.

quen son esas voces que me alonxan de min?

inoportuna seguridade de saberme escraba dun tempo,
interpreto sonetos a reo
pero non consigo voltar aos castañeiros,
onde axitabas as miñas canas para encher o cesto.

segues habitando un recuncho sagrado deste ser que me alberga,
máis non formas xa parte de min.

eva méndez doroxo

segunda-feira, maio 6

do caderno das obsesións: capítulo 14.

a dor.

compaña inasgotable deste peregrineiro pensamento.
arrastro as feridas dos monstruos nunha pel demasiado transparente.

a dor.

o sangue, esgotado viaxeiro,
combate na peaxe por abandoar este ser,
famélico e lánguido,
co retén sen saber.

foron os alentos prehistóricos os que recitaron o conxunro,
agora, furadada pola inconsistencia de tanto lume,
agocho tres anacos virxes de min.
 por máis que intentaron,
por máis que maltrataron,
por máis que sufrimos, tres anacos resurxiran novamente na lingua prohibida
para aterrar o fluído vida que se resiste a quedar nesta alforxa de ser esquemático.

eva méndez doRoxo

terça-feira, março 27

compases.

catro centos versos para que me interpretes.
un mundo de letras, no que perderme.
non son algo que esconder,
nin un anaco doado de esquecer.
son máis cunha morea de pel e ósos,
máis cos xemidos na néboa da incertidume.
formo parte das plaquetas que se bombean
dende o atrofiado órgano que che impide amar.
estou adscrita aos alentos silenciados.
ollas cada un dos meus latexos de tinta
impotente ante a imposibilidade de aniquilarme.

eva méndez doroxo.

sábado, abril 30

dialogo de días de chuvia.

detense o tempo baixo as pálpebras molladas do noso dialogo.
mudos, ante a liquosidade do noso pensamento,
informamos aos curiosos de que non sempre
imos pensar calados.

namorados dun agarimo indómito,
berramos, novamente mudos,
a esencia da dor contida,
a de estar separados, neste intre, do que, as veces, pensamos.

e non son eu a palabra,
nin ti, por descontado, o verbo,
pero xuntos predicamos, neste deserto de tela,
no que a noite persigue ao día,
para que, agochados, deteñamos o tempo,
baixo as pálpebras,
mollados.

eva méndez doroxo

quarta-feira, abril 13

insurxente

cando a tensión do teu corpo
me atrapa entre a pel e as telas,
agocho os desexos entre a humidade
das palabras e o incoloro dos berros.

tampouco fomos libres antes,
como para que neste acto
todo quede sen cadeas.

rexistro os petos en busca de forza,
pero segues aplicandóme o alento,
esmorecendo a miña conciencia,
dobregando o meu pensamento,
inflamando cada célula deste ser
que fuxe do meu corpo.

cando a tensión do teu corpo
me atopa, a pel vóltase eterna.

eva méndez doroxo

quarta-feira, março 9

ingrávida

afondo na textura dos corpos,
entre as telas,
baixo as identidades ocultas.
tezo unha liña infinita de agarimos inventados,
de alentos que me fan tremer,
das necesidades da ausencia.
esgazo baixo a pel, os músculos,
na pertinente pesquisa do desexo,
da primitiva percusión,
que me faga palpitar, novamente,
como cando estabas en min.

eva méndez doroxo

terça-feira, janeiro 25

les enfants

incontrolable.
combinas os dedos e o verbo
para espir cada centímetro
da fraga que me contén.

furacán de beizos e humidades
para repoboar os ollos arrasados,
a mente impensable,
as bocas trementes,
o desacougo das fermosuras perdidas.

e acostumada a escapar,
escapo,
conteño o alento, desaparezo,
muto una derradeira vez
para sentirme libre novamente,
sen forma expiro,
imprimome nas follas non escritas da túa historia.


eva méndez doroxo

segunda-feira, dezembro 13

noz e castaña

amósome impúdica aos ollos que me xulgan.
a lingua eme descoñecida,
pero crábaseme na carne esnaquizando as frebas.
a dor atravésame,
conteño a contorsión,
bebo as bágoas e esbozando un sorriso cuspo.
o sangue tapóname a gorxa,
agora son eles os que non conteñen as risas,
vexo o lume no seu ollar,
a sede nas bocas fermosas que desexei bicar.

eva méndez doroxo

segunda-feira, julho 19

Facenda Pública Deudora por IVE

técnica bicolor de desformulación asimétrica.
conciencia anormal,
funcionamento androide,
polaridade invertida.

tesouros de anteriores vidas,
astros e lendas que me enchen os pes.
funciono como un reloxo:
extremidades por imposión cósmica,
que xiran e se articulan
independentemente de min.
corrosión do evidente
para sulfatar as lembranzas dos dias de praia.

eva méndez doroxo

sexta-feira, julho 2

mostruario

con cada pé dibuixas a oblicuidade
das miñas cadeiras de musa.

sen levantar os dedos da xanela
informas ao mundo de que somos amantes.

nun xesto silencioso apodéraste de nós,
extranxeiros na escaleira,
veciños de viaxe no tren da vida.

eva méndez doroxo

quinta-feira, junho 17

catarsis

tres,
mil novecentos vinte,
catorce,
cen.

tres,
mil novecentos vinte,
catorce,
cen.
tres...
...

meditanción ventricular
do resto de nós.
afortunadamente sirve para esquecer.

eva mendez doroxo

galimatias

todo o mundo cree depender de min,
máis eu, infortunada vértebra do caos,
exixo impresenza no inmediato do cosmos.

reutilizarme na propia identidade
ou excitarme na dúbida imperante?

as dúbidas son, neste caso,
a absoluta e enigmática explicación do resto.

se non me entendes, dubida.

eva méndez doroxo

quinta-feira, junho 3

consecuencias

agardo.
a boca aberta,
os beizos mollados,
as palpebras relaxadas.
agardo.

eva méndez doroxo

quarta-feira, maio 19

prolífica

frondosos ollos na néboa da superficie dérmica.
somos corpos transparentes reflexados nos aparadores da vida.
informes seres de luz,
metamórficas esfínxes esculpidas na dor
de quen nos bica sen vernos.

eva méndez doroxo

sexta-feira, maio 7

desperta

compoto os órganos.
místuroos con aceites,
sal, canela.
ordeo cada tarro, cada parte de nós,
etiquetada no armario, sen luz,
escondidos das olladas indiscretas,
agardo.
maceran angorde,
no paso do infinito,
agardo.

cando é o tempo das compotas?

eva méndez doroxo

terça-feira, abril 6

sorrir

tampouco ser mártir na túa boca.
pretendo mover o lixo,
afondar na inconmensurable brancura da pel,
buscar os resquicios de humanidade e rendirme,
formar parte do banquete,
mergullada na licuosidade do prohibido
inspirar a fragancia do inexistente.

eva méndez doroxo

segunda-feira, março 15

linguaxe segreda: vocabulario

compensada, entre túas maus navego.
os furados no chan da conciencia
deixanme verterte infinitamente en min.
morder cada segundo
antes de expirar
nunha morte eterna sen a confusión de ternos.

móstrarme na brancura da noite
aos xuizos silenciosos de todos nós
criaturas famentas
de delirios astrais.

eva méndez doroxo

segunda-feira, fevereiro 22

tornasol

percórrenme os medos
aterezo nos fios dos que me penduras,
tentáculos nacentes nos teus dedos.
síntome presa das lembranzas
do rumor dun día que non chega,
de teu sorriso alen de min.

eva méndez doroxo

quinta-feira, fevereiro 11

convulsa 0008

as cores,
ollos que admiran o paso do tempo,
crávanseme na caluga.
penetrame a brétema do inconexo,
son,
existo en ti.
mesmo unha páxina en branco,
retallo a cornamusa desta identidade.

eva méndez doroxo

amanece

algún día descubrirasme,
entenderas que todo isto só é unha mentira,
co único que pretendo é que me vexas.
comunicarme contigo,
transmitirche a miña existencia.

nacín na invisibilidade,
e dende ela ameinte,
agardando na neboa cos teus ollos me vexan.

eva méndez doroxo

Free Counter and Web Stats