quinta-feira, outubro 22

anacos

avanzo polo mundo espida,
sen remordementos que escondan os peitos,
coas medias no rastro amosando o sentimento.

exivo a miña pel orgullosa,
chea de marcas, chea de terra.
o sangue escorre polas meixelas surcando os cráteres do tempo nelas.

mostro meus membros mutilados por banquetes alleos.
sigo sendo a concubina da morte,
a amante dos desesperados,
o berro das suicidas.

eva méndez doroxo

terça-feira, outubro 13

grans de café

navegamos entre a indiferencia e o absurdo,
preposicións coherentes nas que guardar 3gramos de nós.
sospeitamos das sobras que tinguen o inconformismo axitado das personalidades.
seres nocturnos que agardan agochados un agarimo inquedo.
respertando os silencios ollamos a profundidade do azul,
xusto antes de saltar sobre a austeridade dun ollar descoñecido.

eva méndez doroxo

suicidio feminino

todas nós, poetas suicidas, despertas na noite, impasibles ao frío,
escribimos a dor nás páxinas,
a paixón entre os versos, eles, os fillos das mortas.
unhas gotas de lume entre o poema e vida.

somos as suicidas dunha historia, a nosa,
dunha traxedia, a humana,
dunha incongruencia: a existencia toda.

estamos en constante caída libre, contra un chan inalcanzable,
sen saber se ao fin atoparemos esa morte anhelada, buscada, desexada, finalmente atopada.

eva méndez doroxo

totes nosaltres, poetes suicides, despertes en la nit, impassibles al fred,
escribim el dolor a les pàgines,
la passió entre els versos, ells, els fills de les mortes.
unes gotes de foc entre el poema i la vida.

som les suicides d'una història, la nostra,
d'una tragedia, la humana,
d'una incongruència: tota l'existència.

estem en constant caiguda lliure, contra un sól inabastable,
sense saber si a la fi ens trobarem amb la mort anhelada, cercada, desitjada, finalment trobada.

quarta-feira, outubro 7

abolición de min

hoxe desfigurei a cara.
córtaronme 14 pares de ollos,
diseccionáronme en linguas descoñecidas.

estiven inmóbil no linchamento,
descuartizada por orde alfábetico,
depositada en catro frascos.
no éter seguín ardendo, configurando o discurso.

a absolución non deu chegado,
a profundidade do gris tornouse densa de máis.
os dedos aturuxados berraron os dias de frores, agarimos, represión.

desfigurei a cara,
amputei os brazos,
baleireinme de órganos e teixidos.

conservando a verba alcei o paso.
descontruida a partir da nada,
construida dende o eu,
sigo hoxe desfigurándome a cara.

eva méndez doroxo

domingo, outubro 4

reconstruindo 000.0

consumida na traseira agárdote.
non son o xesto andróxino que esperas.
compóñome de particulas de medo.

frente ao espello áchote.
espida, branca, sangrante.
Daesa de les hores baixes.
altiva e desafiante óllasme.
agochada sobre miñas branduras esquivo túa arrogancia, noutrora amada.

consumida na traseira, agardo.

eva méndez doroxo

sexta-feira, outubro 2

orixes

respírame na combustión das personalidades.
ardo por ser aspirada.
os teus teixidos humídos acóllenme na dúbida.
son demasiado densa para chegar aos teus órganos motor.
o peso oprímenos,
peto contra as paredes do teu tórax,
axítome nesta nova forma de tomarte.

eva méndez doroxo

Free Counter and Web Stats