sexta-feira, fevereiro 29

alterego

convulsa e ilóxica me sinto.
escoito o bater das maus nunha gorxa que non sabe berrar.
espántome pechando os ollos contidos nas cuncas baleiras
e sorbo calquer pensamento alleo con ansiedade pueril.

combíname en infitas notas para facerme perdurar no anonimato,
lembrando sempre un compás que designifica todo o que fomos.
libérame esta noite do tortuoso agasallo no que me convertiches
e fúxe conmigo a un lugar chamado concórdia.

eva méndez doroxo

pesquisando respostas

dedos que baten áxiles na música das nosas vidas.
mollada.
son pequenos insectos incrustados nas paredes do meu eu.
baixo un escudo mínusculo escóndome.
dixerida.
fumeo dende un lugar descoñecido.
mestura de sabores que lembro nalgún lugar da miña lingua. búscate.
sorbo a liberdade coa palla branca e vermella da infancia suspendida
e finxo ser froito do delirio.
agónica.
medro, chego ao colosal tamaño dunha forniga dourada,
pouso meus fluídos sólidos no líquido transparente que me contén
e resístome a ser o cheiro a cadaver co que cada noite me deito.

eva méndez doroxo

comparativa

son boneca esnaquizada
contra o teu corpo mole,
fiañento e traspirado.

apretada contra ti,
sen impulso ao xirarme cara a dentro,
pérdome neste sentir
que non comprendo.

sóñote nas noites frías
desexando terte entre os hexagramas dos meus dedos.
dixitalizarte nun contido finito de incompresión perversa.

non entendo o porqué de tantas veces,
desta danza macabra na que rachaches todo o meu ser.

eva méndez doroxo

quinta-feira, fevereiro 28

fervenza de sangue co enche todo.
dende o outro lado do espello véxome,
inerte, branca, suspendida

derretida

perdida en min mesma
tecleo agónica unha interminable mensaxe.
desesperación.
resposta calórica ao exceso de sangue
neste corpo que apenas me contén.

internada nun manicomio desexado por un arquitecto fánatico
das sin saídas.
son trasportada por pesadelos,
átomos cruciais de sacrificio inexorable,
nos que perderme un pouco máis.

eva méndez doroxo

quarta-feira, fevereiro 27

tese 4_0_1

meto a mau ata o fondo,
nun xesto nervioso e mecánico de búsqueda.


sincronizada miña respiración co movemento espasmódico
no que aturarte baixo as capas de tela paréceme imposible.

tres voltas ao redor sen te ollar.
crávanseme as miradas alleas na caluga.
inquisidoras mostran seu desacordo.

son dada ao escándalo,
non funciono con sistemáticos patróns fractais.
desdebúxome a cada paso,
ocultando o resto de min no interior dun peto.



eva méndez doroxo

sexta-feira, fevereiro 22

na nosa conversa imaxinaria.

as medidas axustadas.

trescentas pulsacións antes de respirar,
alentar unha letra, formando ,coa forza da contención, un son.

xúrasme liñas de enfrontamento frustradas.
anégasme coa intersección dos cartóns do absurdo,
afogándome baixo a presión do inexistente, esixo ser oída.

pel de serpe escamada polo paso do tempo.
ollos resgados co coitelo da desesperación.
maus amputadas por non comprender.

ser incompleto,
mutilada polo silencio.

dende a miña cova observo a fervenza de argumentos
que lanzas sobre as cotras aínda brandas do meu corpo.

relucente príncipe das teneboas,
devorado por min: a incomunicada.



eva méndez doroxo

sexta-feira, fevereiro 15

propaganda electoral

na túa pel tatuados os eslogans que te venden,
abaratando os costos para poder alcanzar unha candidatura,
xeito ambiguo no que relacionarte.

eu coas tres papeletas na mau
deixome seducir por teu ritual copulativo.

esquezo que es un producto, algo preparado para gañar.
entro na intimidade dun pequeno cuarto e voto unha e mil veces
teus cabelos brilantes, túas maus expertas, teus beizos suaves recitando palabras estudiadas.

a campaña foi un éxito.
a miña entrega deuche o poder.
agora teño que recompoñer os anacos de min,
verte na túa verdadeira dimensión,
apañar os boletos que tirara e aprender a exercer o meu dereito a voto.



eva méndez doroxo

quarta-feira, fevereiro 13

reconstrucción

baixo os meu pes de asfalto quente, eu.
más abaixo aínda, eu.
entre o punto debuxado nun anaco de papel,
e a existencia toda, eu.
un espacio infranqueable no que atopar as respostas
é traballo dunha lexión de guerreiras: nenas soldado.

bonecas aplastadas baixo o alquitran ardente da miña grandilocuencia.

amalgama uniforme de viscosidade etérea,
imaxinación arriscada.
planean os cabaliños do demo sobre elas,
bailando en violáceas tonalidades de azul,
cor dos soños rotos.

máis fondo aínda, logo de voltar do centro mesmo da terra, eu.



eva méndez doroxo

segunda-feira, fevereiro 11

b 3

amorro os beizos na tubería,
o líquido báteme na cara,
cegame a gorxa facendome tremer.

eva méndez doroxo

comprensión metabólica

antes de rachar e expulsar o pracer do meu corpo,
encóllome nunha continua acrobacia abstracta.

respiro os alentos doutras vidas,
nunha orxía indómita de sensacións.

aspiro visións en branco e negro,
maus percorréndome os ósos espidos,
linguas que lamben meus desexos.

adicta as lembranzas,
sesego como cobra entre os corpos inertes.
bebo a luxuria contida do xeo a punto de explotar.



eva méndez doroxo

14 horas antes de morrer

sei que as infinitas combinacións de letras son finitas.
repítome nunha exasperante repetición,
lembrarme que existo,
que teño limites.

as miñas dimensións son exactas.
tres xis por cada vocal invertida formando o principio do fin.

eu que escribo coa limitación dun vocabulario inventado.
idioma mestura de sabores, cores, experiencias.
filla non nada dunha muller erma
que se resiste a non parir follas de contidos,

aliñados coa virxindade da primeira prensión
do ferro sobre o corpo aínda quente da infancia.

nesa leira de fetos incompletos,
letras inconexas non significan.
exerzo meu derradeiro exercicio de escritura,
deslizo a mau sobre a barriga inchada (baleira),
sentindo as contraccións dun parto que concluirá co berro vermello da frustración.


eva méndez doroxo

bellus

cascudas fluorescentes perseguen os meus ideais.
calquei a liña descontinua,
entre os microespazos dun trazo.
seguida na aterradora noite dos silencios.

lugares comúns en que atoparnos todas:
fadas, mulleres, bestas, monstros...
pantasmas do que quixemos ser,
espellos con caras de anxos que non recoñezo.

un pescozo estirado,
botox implantado nos beizos,
promesas de eternidade,
que desinflan meu cerebro secándoo.

neste lado das liñas dous ollos de ra,
raíña viscosa da sabiduria que un día aprendín.



eva méndez doroxo

terça-feira, fevereiro 5

k 3 x 0



emerxo dos adoquins
coa forza extrema de quen se sabe morrer.

douche ese derradeiro alento de vida
que non é máis que un continuo de operacións matemáticas.

pura aritmética de palabras,
combinadas dende a aleatoriedade dunha mente cansa.

a irreverencia do terrorista apocalíptico que nos constrúe,
na mestura continua do po que chamas cemento e o líquido que nomeas auga.



eva méndez doroxo

sexta-feira, fevereiro 1

nacida do caos

espida,
envolta no manto impermutable do líquido amniótico:
sangue.

ao redor; o bestiario imaxinable.
as imaxes dunha existencia que conmuta lembranzas.
textura que é mestura aleatoria de olores,
sabores e sons.

os sentidos adormecidos aínda polo ruxir das risas.

observada por ollos estupefactos, incrédulos ante unha miragem.
espello deles mesmos aterrados ante unha vida que non chora.
sorriso diabólico entre escombros de esperanza.

quietas as mans,
tres segundos para empezar a carnicería.
buscan o recipiente de ¿onde saíches?

cornos torcidos cara a dentro na túa cabeza,
muller igual perigo,
sabiduria igual vida igual perigo.
os dedos sen control percorren túas cavidades en busca dun interruptor.

es o incontrolable, o que non tiña que ter nacido,
o inexplicable.
aterras os teus proxenitores: ¿milagre ou maldición?



eva méndez doroxo

cor_nos

na frialdade das sabas rapsódicas,
desprazo meus pes aterecidos.

busco a mestura de canela e xenxibre
da túa boca tras do tempo.

aperto as pernas no espacio infinito que nos separa,
para sentir a túa quentura na miña pel.

percorre o sal de tres mares miñas meixelas,
sinto a opresión da soidade nas costelas emplumadas.

único xeito de esquecerte é lembrarte sempre.

eva méndez doroxo

Free Counter and Web Stats