quinta-feira, maio 29

contos de berce

ráchasme con apática virulencia.
esnaquizas cada centímetro de min coa túa lingua voraz.
sistemáticamente torturada por uns agarimos que non chegan.

suprimida coa tecla de borrado rápido que se aperta baixo os dedos intolerantes.
non coñecida fora de ti pero anhelada de liberdade,
asubío unha melodía que me transporta alén destes océanos absurdos.
(pintados de laranxa e negro mora)

rexistro cada pensamento alleo nun recuncho do éter que me contén
para nacer un día chea de experiencias pasadas
coas que escribir o futuro, pasando nas puntas por este presente incerto que me mece.


eva méndez doroxo

segunda-feira, maio 26

amosando os dentes

son a herba de namorar arrincada sen tino.
a po que enche os petos dun abrigo pechado baixo chave.

en ningures atoparemos rostros amigos nos que descansar,
unha tina de auga quente para deixar destecer os dedos reumáticos.

o tempo, ese compañeiro indesexado, énchenos o rostro de botox,
para intentar divorciarnos de nós.

as follas tórnanseme penedos que escachan,
o violeta esmorece lonxe do mar.

plántasme no teu pensamento, son herba de namorar.



eva méndez doroxo

sexta-feira, maio 23

FLIPANTE!!

ben, non teño palabras, non consigo atopar unha secuencia de letras que signifiquen o que sentín onte na presentación que me destes oportunidade de ofrecer. SÓ MIL GRAZAS a todos os que fixestedes posibles estes versos, este libro, esta vida.

Para quen non pudo asistir só decir que eu non falei de libro nin ninguen falou de min, só todos os que participamos tanto actuando, como recitando, como escoitando falastedes do que é a POESIA, algo inexplicable que te invade aínda que non a entendas unha desas cousas que ten a humanidade para poder dialogar co resto do universo.

GRAZAS A TOD@S e alegrome moito que disfrutarades.

mil bicos
Eva

quarta-feira, maio 21

benvidos á presentación


22 Maio 2008, 20h
Galeria Sargadelos
Provença, 276
Barcelona


Mañá XOVES 22 de maio de 2008 as 20h, na GALERIA SARGADELOS de Barcelona, rúa Provença, 276 (ao carón de Rbla Catalunya) á presentación do meu libro: as sete idades.

O acto baixo o lema as sete idades, as sete linguas. dialogo poetico intercultural ao redor das sete idades, ten como obxectivo dar voz as diversas linguas, as diversas sensibilidades que alá nos deamos cita, ousexa que animo-vos a traer as vosas gorxas e os vosos oídos para transformar, transmutar, dialogar e crear.

Os nervios e as palabras, aquelo que nos une, nos tece e nos aproxima!! eso que somos e que non podemos rexeitar.

eva méndez doroxo

+ info

a linguaxe segreda

nas xemas dos teus dedos,
suspendida no esquecemento das verbas.

non me pronuncies. non desaparecer. non later.

teu contorno azul remexe no meu marrón.
liscaches antes de poder imaxinarte.
roíches cada pedazo desta pel
tatuada de nós.

devórame. rexeitar. tropezar.

constantemente alumeo as noites
coa luz das bolboretas fluorescentes.
danza eterna para amosarche o fío ata min.

controlamos cada instante pasado para saltar incontrolados na incertidume.


eva méndez doroxo

segunda-feira, maio 19

PRESENTACIÓN DAS SETE IDADES EN BARCELONA


22 Maio 2008, 20h
Galeria Sargadelos
Provença, 276
Barcelona


Quedades tod@s convidad@s o vindeiro XOVES 22 de maio de 2008 as 20h, na GALERIA SARGADELOS de Barcelona, rúa Provença, 276 (ao carón de Rbla Catalunya) á presentación do meu libro: as sete idades.

O acto baixo o lema as sete idades, as sete linguas. dialogo poetico intercultural ao redor das sete idades, ten como obxectivo dar voz as diversas linguas, as diversas sensibilidades que alá nos deamos cita, ousexa que animo-vos a traer as vosas gorxas e os vosos oídos para transformar, transmutar, dialogar e crear.

unha mega aperta e moitisimos bicos
eva méndez doroxo

+ info




quinta-feira, maio 15

a carne fría

sodomizada polas lembranzas na pel,
enróscome nos dedos sen unllas que me brindas,
para encherme de vida:
ciclo ingrávido no que todo existe
antes de nós, despois de min.

sen plurais o sentido absurdo da realidade destecida
na profundidade do meu atlántico.

perdinme nesta claridade e meus berros
afogaron o que quixen decir,
só quedan anacos retallados dunha ilusión no chan.

tabilhona

terça-feira, abril 29

declaración de principios

Sorpréndome a min mesma escribindo sen parar como unha máquina incapaz de pechar uns ollos inexistentes.
Descubrín que máis alá do meu ordenador existe un mundo cheo de vida.
Ese lugar que algúns chaman mundo e que está lonxe de ser un lugar-espacio sinxelo. Os parámetros da realidade mudaron. Hoxe, como xa dixen hai tempo, as etiquetas están perseguidas. Inxustamente xulgadas coas vehemencia dos que foron feridos polo seu uso.
O exercicio consiste en recuperar, rehabilitar tantas palabras maltratadas... Violencia no xénero, no emprego, na historia.
Quixera ser só as letras que me definen. O conxunto de adxectivos que un día calquera quixen conter na miña biografía, nos ollos alleos que me miran interrogantes. Pero son carne, pel e lembranzas. Un lugar onde repousaron amantes aturdidos antes de partir cara a súa propia vida.
Unha pel onde se detén o vento antes de seguir a viaxe cara o norte, mudando os rumbos dos que como eu, hoxe escriben cómodos dende butacas vermellas de teixido maforento e cheiro a viño.

Compréndome na inexistencia absoluta de identidade, coñecemento ou eternidade. Acepto a diferencia que me asemella en demasía a todos os que repugno, aos que odio e me rexeitan. Son unha bagoa non derramada nun ollo que non é meu. Un coitelo chantado a traizón nun peito despexado e deséxante de ser atravesado.

Consumo unha vida máis sen entender que non son eterna. Cando lembro quen fun antes de deitarme na mármore e pechar os ollos, xa volto estar atravesada polo aguillón do ferro dunha nova vida, que inevitablemente me esquece de min mesma.
Mórbida danza macabra na co canibalismo de personalidades extermina o individualismo do ser agónico que me conten.

Tabilhona

terça-feira, abril 22

coa venia señoría.

esquelete fluorescente perceptible na noite pecha.
cargo nas miñas costas a mirada inquisidora dos que me xulgan.
non me chamaron a xuízo mais impunemente sometéronme á cadea.

desequeinme angorde na indiferencia de quen sabe mancar co verbo.
non pretendo berrar na necrópoles,
nin escarvar, coas unllas gastadas, a madeira da caixa que me fixeron.
o diálogo só serve a mil tres centos quilómetros baixo terra.
os cocos voráxines aceptan miña carne sen condicionamento.
non xulgan quen e qué fun.
nutren seus estómagos famélicos e escoitan pacientes a xustificación do meu silencio.


eva méndez doroxo

analxésico

atorméntame non verme reflectida no teu ser.
rexurdir da NADA que conten toda a miña vida.
ser inequivocamente o absurdo, ao precisarte.

visítote co meu pensamento podre.
intentando achar o que significa esta néboa que me cubre a alma.

non pretendo ser o positivo do camín,
tampouco negarme quero.

so desexo atoparme escrita en tinta violeta nas páxinas que amosas.
inscribirme en vermello preservación no teu fondo negro,
que me linkes exhausto sen gastar meu reflexo de nós en ti.

suprimida me atopo cando te consulto.
esquecida nun recuncho da incertidume.
antes agradecíache a ambigüidade coa que me reprimías.
hoxe liscar dentre as miñas pernas quentes non é xogo rexeitado,
se non dor contida entre verbas impronunciadas.

son pudor e bágoas,
salitre nun mar de madeira caída.



eva méndez doroxo

segunda-feira, abril 21

matemática do non lineal

os parámetros que definen o comportamento: estabilidade, inestabilidade.
respostas probables, físicas, axeitadas.
un minuto definido polo asubio dos beizos nunha orella (receptáculo).

os atractores fainnos inmunes ao caos?

nacida da tormenta electrónica,
da indefinición sumisa.
(estable-inestable )+ diferencia = caos.
a lóxica pende do fio invisible das conciencias axitadas.

cosmos: corpo finito, delimitado por liñas dérmicas.
caos: único xeito factible de relación.

eva méndez doroxo

segunda-feira, abril 14

sombras


na licuosidade dos fluídos espectrais
achamos ollos que sobresaen inquedos.

somos os incomprendidos.

aqueles que nun tempo éramos queimados nos lumes da intolerancia,
perseguidos co ferro,
resgados co plomo.
aliñadas cabezas cortadas de tres en tres
para entretenimento do pobo.

hoxe,
no século da incertidume,
aprendemos a seguir respirando a pesares da fumeira.
navegamos orfos nos mares do illamento,
entre corpos apresurados que non queren coñecernos,
só chuchar as diferenzas para desbotarnos ao lixo.



eva méndez doroxo

quinta-feira, abril 10

sumerxida

navego intramuros,
na espesura do fétido ar que contén todos os alentos.
derretida e casual sinto que das miñas extremidades nacen centos de cabezas.
a vida múdame en minúsculos seres que se levan os meus órganos,
inscríbome en centos de personaxes sen ollos, nariz ou boca, que aprenderon a correr
solidificando a po dos meus osos.




eva méndez doroxo

quinta-feira, abril 3

xogos de equilibrio

na inmediatez das sombras,
aproxímaste afondando teu pan en meu mollo.
abandoado déixaste absorber meus fluídos
e lambes os dedos sen deixar escapar nada.

nosas papilas explosionan incrédulas
á mestura de sabor-textura-cheiro,
apértasme contra teu padal rugoso
para reterme un pouco máis.

desprázome inxenua por túas cavidades,
ollándote curiosa,
nunha exploración infinita na que perderme
antes de ser destruída polas túas bágoas.



eva méndez doroxo

represión numérica

atrapada na lóxica numérica,
reinicio a operación prima:
exaltar os sentidos dende o inconsciente-consciente-inconsciente.

resumida en catro símbolos que interpretar
erros e respostas ilimitadas.

non son matemática pero aplico a multiplicidade do ser
para poder chegar a ti.

terrorista pansexual me chaman por non ser máis que un individuo infinito.



tabilhona

quarta-feira, abril 2

4qpodemos

a poesía sen humor é como a cociña sen sal, ousexa que para as nosas vidas, todas elas cheas de ingredentes para ir medrando, recén nace unha nova cociña, un experiemento ao que tod@s estades convidad@s a participar engadindolle sal aos postres ou zucre a un pedazo de xamón.

benvidoas ao 4qpodemos

sexta-feira, março 28

000.0

a banda sonora da nosa vida non ten melodia.
é un continuo exercicio de improvisación
onde os instrumentos experimentan sons imposibles.
enroscados nunha danza silenciosa
rexeitamos a realidade que non invade, corroe.

tabilhona

quinta-feira, março 27

opa hostil


enténdome como forma extensible do apocalipse crítico.

pegadas dunha inexistencia.
suma finita de vidas que analizo coa lente dos ontes.

ronqueiro que adapta seus dentes aos regos dos abrigos que albergo.

son a exiliada de min mesma,
a muller que non ten ollos pero aínda pode ver.
unha loba desorientada que brinca sobre ela mesma na pesquisa da tribo.

o coiro curtíuseme coas bágoas de todas as horas sen medo,
coa fricción duns dedos que viven a quince mil quilómetros, dentro de min.

aproximación dun léxico pobre e ermo que non precisa máis para expresarse.



eva méndez doroxo

quarta-feira, março 26

386

odieinte,
aínda te odio.
podería conxugar o verbo en todas as súas formas
pero non mudaria a esencia do que sinto.

ollo teu reflexo,
contemplo as letras impresas na miña dermis e ruxo.

émito o son das bestas féridas de morte que atravesan o deserto de rochas.
cónsumome na irracionalidade dunha inexplicación orgánica.

no mesmo punto onde os pronomes ferven intrépidos
érgome esquecida na túa boca,
odiandote...

eva méndez doroxo

compromisos

percórrido polo xélido sabor a ferro,
cedo a opresión da túa lingua.
víbora constrictor que me estrangula con cada verba impronunciada.

asesinado polo medo ao sufrimento
intentas berrar dende o meu neal funerario.
cosinche os beizos coa indiferencia,
agochado entre as plumas do meu corpo quente,
fuxes correndo.

eva méndez doroxo

Free Counter and Web Stats